O venres 2 de decembro iníciase a campaña de Nadal do Centro Comercial Histórico de Viveiro. As rúas estarán adornadas, do mesmo xeito que o pasado Nadal, con alfombras vermellas e abetos nas entradas dos comercios. Cada negocio decorará o seu abeto, botando man da imaxinación para dar un ambiente o máis do Nadal posible ás nosas rúas. Abetos que despois da campaña do Nadal prepararanse e serán replantados no Monte San Roque por nenos dos colexios da zona, dando máis vida a estas árbores.
Este ano as rúas tamén estarán ambientadas con panxoliñas, grazas á colocación de case 1 km máis de fío musical, que se suma ao que xa colocara o ano pasado.
Tamén desde o día 2 e para premiar a fidelidade dos clientes que ano tras ano apostan polas compras no comercio local, repartiranse papeletas de Rasca e Gana con miles de premios directos, e para aquelas papeletas que non teñan premio realizarase o sorteo dunha viaxe a Londres.
Desde o venres 16, coas compras realizadas nos comercios asociados entréganse as papeletas para entrar no sorteo de 3 soldos de 1.200? cada un en vales de compra, repartidos ao longo de 1 ano, serán 100? ao mes durante 1 ano para cada un dos 3 agraciados. O sorteo realizarase o 4 de xaneiro do 2017 ás 20:30 horas na Praza Maior de Viveiro, e as papeletas iranse entregando ata ese mesmo día. Este sorteo vai xa pola súa 5ª edición e converteuse en todo un clásico e nunha cita ineludible do Nadal… só hai que ver como ano tras ano se abarrota a Praza Maior para conseguir un dos tres fantásticos premios.
Dentro das actividades da campaña de nadal, contaremos desde o día 16 ata o 24, coa “Casiña de Papá Noel” instalada na Praza Maior, onde desde as 17:30 ata as 20:30 da tarde os nenos poderán gozar de Papá Noel, sacarse fotos con el e levar unha chea de caramelos.
Desde o día 26 de Decembro e ata o 31 converterase na “Casiña Solidaria”, en colaboración con Dignidade Viveiro recolleranse alimentos non perecedoiros, roupa e xoguetes para entregar ás familias máis desfavorecidas. O horario será de 11:00 a 13:30 horas e de 18:00 a 20:00 horas.
Un ano máis as rúas de Viveiro respirarán un ambiente do Nadal espectacular, e todos os clientes serán premiados con miles de premios e sorteos.