O Observatorio da Mariña pola Igualdade e o Concello de Ribadeo organizan a exposición “Andar cos tempos …ou de como cribar o gran para mañá” que será inaugurada na Oficina Municipal de Información Turística de Ribadeo o domingo 18 decembro ás 13.00 horas.
Convidámoste á exposición “Andar cos tempos… ou de como cribar o gran para mañá” organizada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade e o Concello de Ribadeo, na que colaboran a Deputación de Lugo, Museo do Pobo Galego e a Asociación Intercultural Santa Ferreña dos Encontros de Música Tradicional de Carboeiro.
A Oficina Municipal de Información Turística de Ribadeo acolle entre o 18 de decembro e o 31 de decembro a exposición“Andar cos tempos… ou de como cribar o gran para mañá”, comisariada por Carme Campo e Chus Caramés; dúas educadoras no ámbito non formal, investigadoras do noso patrimonio cultural inmaterial e mestras de baile tradicional residentes en Compostela.
Esta exposición pretende convidar a rever o que a anterior xeración nos transmitiu; a preguntarnos se realmente recollemos a súa experiencia e as innovacións que achegou; a repensar cal é verdadeiramente a esencia da nosa tradición, como queremos que sexa o noso xeito de festexar hoxe en día e que é o que queremos transmitir á seguinte xeración.
Céntrase principalmente no baile e na música tradicional, detectando distintos estereotipos sexistas que se perciben á hora de desenvolver estes dous elementos do noso patrimonio. Componse de catro espazos con textos e contidos audiovisuais tirados da nosa tradición que convidan a revela cos ollos ben abertos, aos que se lle suma un quinto espazo que chama a reflexionar poñendo un ollo no pasado, outro no futuro, e ambos no presente.
Esta exposición naceu en 2015 no marco dos XVI Encontros de Música Tradicional de Carboeiro e expúxose no Museo do Pobo Galego en abril e maio de 2016 dentro da programación do Departamento de Educación e Acción Cultural.
Aproveitamos para expresar o noso agradecemento ás persoas que colaboran con esta exposición, como Mercedes Peón, Luis Prego, María Vidal, Pichi Abollado, Elena Ferro, Patricia González, Beni Frecha, José Manuel S. Sanín, Ricardo Marcos Casás, familia Parapar, Asociación Berros do Castro, Milagros Bará Viñas, Ana Esteve, Marta Otero, Antía Ameixeiras, Sabela Pernas, Ana García Lenza, José Valiño, Daniel Reigosa, Albano Cancio, Arranxos de Burela, Xandobela, Asociación Santa Ferreña dos Encontros de Música Tradicional de Carboeiro, Museo do Pobo Galego e a Deputación de Lugo.
Así mesmo ás 17.30 horas terá lugar o obradoiro teórico-práctico “Bailar a canda os tempos” que convida a reflexionar de maneira participativa e vivencial sobre as seguintes cuestións: Que transmitimos cando bailamos ou ensinamos o noso baile tradicional? Así nolo transmitiron a nós? Como o habemos de transmitir? É impartido por Carme Campo e Chus Caramés e ten unha duración é de dúas horas.