Ribadeo, 30 de novembro de 2016. O alcalde, Fernando Suárez, e representantes da plataforma de asociacións veciñais pro residencia de maiores supervisaron esta mañá as obras de construción desta instalación. Fixérono acompañados pola directora de execución das obras.
O rexedor explicou que “os representantes veciñais querían ver e coñecer o nivel de execución dos traballos, que xa están encarreirando a súa recta final. Agora queda pendente a licitación do equipamento e tamén a demolición da antiga vivenda de profesores, que aínda se pode ver no solar que ocupa a nova residencia de maiores de Ribadeo”.
Suárez Barcia subliñou que “o equipo técnico redactor do Concello ultima os pregos das cláusulas administrativas e das prescricións técnicas tanto para o equipamento como para a demolición da antiga vivenda dos profesores. Trátase neste caso de gañar espazo de zona verde para o uso e disfrute dos residentes desta instalación”.
O alcalde lembrou “a importante axuda económica que recibimos da Deputación de Lugo para que a residencia de maiores de Ribadeo sexa unha realidade, así coma o esforzo que, a través de fondos propios, estamos a facer desde o Concello. Hai que recordar que a Xunta de Galicia non puxo nin un só euro, e iso a pesares de que no seu día se comprometera a achegar unha partida de 500.000 euros”.