Os delegados e delegadas da CIG en Os Irmandiños e no Grupo Feiraco reuníronse para abordar a nova situación tralo proceso integrador de ámbalas dúas cooperativas xunto coa de Melisanto nun novo grupo cooperativo de grao dous que nacerá xa a partir de xaneiro co nome de CLUN (Cooperativas Lacteas Unidas).
Na reunión quedou claro que, por definición, non podemos, de antemán, máis que estar a favor de calquer proceso que redunde nunha maior aposta polos proxectos cooperativos e nunha defensa e posta en valor dos sectores productivos do país.
Agora iso non é óbice para que, dende o punto de vista sindical e laboral , asistamos a este proceso con preocupación. Preocupación en primeiro termo pola indefinición neste senso que as direccións das cooperativas están mostrando. A día de hoxe consideramos que o persoal das distintas cooperativas está sendo o gran esquecido no proceso e a información que se lles proporciona brila pola súa ausencia. Dende as direccións das cooperativas aseguran que se respectarán os dereitos laborais das plantillas, algo ao que, por outra parte, xa están obrigados por lei. Agora ben cando se lles plantexan dúbidas e interrogantes tales como cal vai ser o Convenio Colectivo de aplicación -habida conta que cada cooperativa accede á integración con cadanseu Convenio-, ou se a previsible especialización de centros de traballo ocasionará mobilidade xeográfica ou funcional, non atopamos máis que evasivas e dúbidas por resposta. É por isto que a incertidume se está apoderando das plantillas, e xa que logo dos seus representantes sindicais, que xa non saben se preocuparse máis porque esté todo xa previsto e non se diga, ou se porque o proceso a estas alturas non teña estes aspectos xa ben estudados e planificados.
En segundo termo a nosa procupación vai porque CLUN, dado xa o tamaño e dimensión coa que nace pase a ter os comportamentos ao uso dunha grande empresa máis do gran capital onde só importe ter máis e máis beneficios aínda a costa de precarizar cada día máis as condicións laborais dos seus traballadores e traballadoras.
Ante esta situación dende CIG Feiraco e CIG Irmandiños solicitamos ás direccións das respectivas cooperativas a maior información e transparencia posible así como un continuo diálogo coa representación sindical que fuxa en todo caso da mera información tras feitos consumados.
En calquer caso queremos deixar claro que a partir de agora dende a representación dunha e outra cooperativas estaremos en continuo contacto para que flúa calquer información que neste senso vaia aparecendo e para actuar de forma coordinada cando e como sexa preciso.
E asimesmo estaremos especialmente vixiantes en todo o proceso para que se garantan todos os postos de traballo e as condicións dos mesmos.