Ribadeo, 24 de novembro de 2016. Este sábado, 26 de novembro, terán lugar en Ribadeo as IV Xornadas de Difusión de Proxectos Europeos que organiza a Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA). A Innovación na FP mediante as Mobilidades de Alumnos e Profesores será o tema que se aborde neste encontro no que intervirán como relatores profesores procedentes de Austria, Croacia e Portugal.
As xornadas inauguraranse ás 10:00 horas, no hotel O Cabazo. O acto contará coa presenza de representantes da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo, dos Concellos de Ribadeo e de Barreiros, así como da Mancomunidade de Municipios da Mariña. Posteriormente terá lugar a presentación da FP en varios países europeos, que correrá a cargo dos profesores Hannes Gruenbichler e Friedrich Gamillscheg, de Austria, Anto Delac e Brankica Grgic Elzner, de Croacia, e José Luis Pelado, de Portugal.
Pola tarde a partir das 16:00 horas presentarase o proxecto Aprender a Aprender na FP. Ás 16:30 horas terá lugar a presentación do proxecto Innovación e Coñecemento na FP no que se abordarán a valoración das mobilidades e dos materiais elaborados e o programa de sostibilidade. Ás 17:30 horas falarase do proxecto Coñecemento e Formación para a Empregabilidade con presentación das mobilidades, difusión do proxecto nos centros do consorcio, selección de candidatos, información económica e programas formativos. Ás 18:30 horas será tempo para facer o seguimento do proxecto Networking on mobility and innovation in Vocational Training cos obxectivos e contidos do proxecto e os socios. A xornada concluirá co informe que se presentará a partir das 19:00 horas do proxecto presentado Impulso á Empleabilidade e os proxectos a presentar no decurso do 2017.
Nestas xornadas está previsto que participen arredor de 30 profesores de FP procedentes de diferentes cidades galegas, como Ferrol, Pontevedra ou Verín e tamén por vídeo conferencia se fará unha conexión con participantes de Pamplona e Murcia.
Tras a xornada de traballo do sábado, os participantes aproveitarán o domingo para facer un percorrido pola zona e xunto a representantes de APAGA visitarán ademais de Ribadeo e a praia das Catedrais, Mondoñedo, Lourenzá e a localidade asturiana de Taramundi. APAGA faralles entrega aos profesores austríacos, croatas e luso dun exemplares da guía The North of Lugo, promovida pola propia asociación e realizada por Faro Norte Comunicación co obxectivo de “darlles a coñecer toda a riqueza paisaxística e monumental do norte lugués”.