O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, convocou para o martes, 29 de novembro, ás 09:00 horas, un Pleno Extraordinario no que aprobar o pago de 2.000 euros ao Premio Otero Pedrayo e a concesión dunha subvención de 100.000 euros ao Club Kayak de Foz para o proxecto de ampliación das súas instalacións.
Fíxoo logo de aprobárense este xoves as propostas de ditame que o Grupo Provincial Socialista presentou ás comisións informativas para poder revogar os acordos plenarios adoptados en outubro sobre estas iniciativas, cando o Partido Popular votou en contra.
Para poder facer isto, o Goberno iniciou ao día seguinte do Pleno de outubro, dende Cultura e Deportes, os expedientes de revogación de ditos acordos plenarios contrarios.
Con esta sesión extraordinaria, o Executivo da Deputación dá “unha 2ª oportunidade ao PP”, pois opúxose á concesión destas axudas, ao non, canto menos, terse abstido para poderen ser concedidas xa o pasado mes co voto a favor dos Deputados de PSOE e BNG.
O Goberno agarda que os Deputados do Partido Popular fagan primar agora o interese colectivo da provincia e a súa responsabilidade individual como representantes da Corporación Provincial, e non volvan a boicotear estes dous investimentos.
O martes 29 de outubro tamén se celebrará a sesión ordinaria do Pleno de novembro. Está convocada para as 11:00 horas.