Lugo, 23 de novembro de 2016.- O Grupo Provincial do PP presentará ao vindeiro pleno da Deputación unha iniciativa na que lle solicitarán ao organismo provincial que elabore un Plan de Axuda dirixido aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia para o financiamento de gastos non finalistas.
A voceira popular, Elena Candia, apuntou que para poder levar a cabo esta iniciativa pedirán que a Deputación destine, no Orzamento do ano 2017, a cantidade de 1.000.000 euros a repartir de acordo a dous criterios fundamentais: “Que se estableza unha achega mínima para cada concello de 10.000 euros e que se reparta o resto do financiamento seguindo os mesmos criterios do POS”.
Os populares consideran fundamental levar a cabo este Plan de Axuda, pois sinalan que “aínda recoñecendo que os recursos da Deputación non son ilimitados, impulsar este plan de apoio adquire unha importancia transcendental neste momento, pois unha institución ben administrada é aquela que bota man da súa capacidade económica de apoio para que os concellos poidan poder desenvolver mellor a súa función e a dos veciños aos que serve e presta servizos”.
Candia recórdalle ao presidente da Deputación que o artigo 36.1 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, “prevé como unha competencia provincial a asistencia económica aos municipios, especialmente a aqueles de menor, capacidade económica e de xestión”.
Os concellos, os que mellor coñecen as súas necesidades
Deste xeito, engade a popular, “a atribución ás provincias de funcións en materia de cooperación e fomento económico e social é de particular relevancia, pois enlaza directamente co apoio a un conxunto de actividades de crecente importancia nos gobernos locais contemporáneos, nos que as Deputacións provinciais xa se viñeron implicado de forma destacada durante os últimos anos. E esta competencia provincial resulta especialmente necesaria nas zonas rurais da nosa provincia, e por tanto nos pequenos concellos, onde a posta en práctica das políticas de desenvolvemento local e apoio administrativo podería dar lugar a excelentes resultados para os lucenses”.
Esta asistencia que se predica, polo tanto, respecto dos municipios da provincia, pode materializarse con carácter ordinario ou excepcional. No primeiro dos casos, articúlase mediante a aprobación de plans especiais, cinguidos a criterios obxectivos, garantindo a correspondente xustificación e en condicións de igualdade e concorrencia.
Neste senso, dende o Grupo Provincial do PP consideran “fundamental” que a Deputación Provincial de Lugo elabore e inclúa no Orzamento do ano 2017 un Plan de Axuda dirixido aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Lugo para o financiamento de gastos non finalistas, “xa que son os propios concellos os mellores coñecedores das súas necesidades”.