Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP saca adiante, pese ao voto en contra do PSOE e do BNG, un Plan de Axuda para os concellos de menos de 20.000 habitantes para financiar gastos non finalistas

Lugo, 29 de novembro de 2016.- O Grupo Provincial do PP sacou adiante no Pleno de hoxe, pese ao voto en contra do PSOE e do BNG, unha iniciativa para que o organismo provincial elabore un Plan de Axuda dirixido aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia para o financiamento de gastos non finalistas.

Para poder levar a cabo esta iniciativa o PP pediu que a Deputación destine, no Orzamento do ano 2017, a cantidade de 1.000.000 euros a repartir de acordo a dous criterios fundamentais: “Que se estableza unha achega mínima para cada concello de 10.000 euros e que se reparta o resto do financiamento seguindo os mesmos criterios do POS”.

Carlos Armesto criticou a BNG e PSOE por votar en contra e por preferir a firma de convenios feitos dun xeito arbitrario, pero nós pretendemos que chegue todo a todas partes. Así, o vicevoceiro do PP referiuse a plan semellantes aprobados na Coruña, presidida polo PSOE, ou en Pontevedra, para facilitar que os concellos conten con plans que destinen recursos aos municipios seguindo criterios de prioridade municipal, gasto corrente, pago a proveedores ou redacción de proxectos, entre outros.

O deputado defendeu que os Concello teñen cada máis esixencias, “polo que necesitan unha administracións para que nos bote unha man para gastos non finalistas. Fano noutros lugares onde gobernan. Falen cos concellos e verán como están de acordo. Deixen de mirar para o seu embigo, hai que ter un criterio e unidade de acción”, reclamou.

“Nunca estará mal que unha Deputación preste axuda, pero falamos de que unha Deputación das que menos aporta directamente aos concellos faga un xesto mínimo, empezar a recoñecer a autonomía local e que son corporacións con capacidade de decidir en que gastar os seus cartos e fagan o que fai o seu partido onde acerta”, engadiu o deputado popular.

Armesto preguntou por que temos que ser os concellos de Lugo de segunda categoría con respecto a outros, respectemos a autonomía local. “Perden unha ocasión de sumarse ao municipalismo e que os veciños os recoñezan por iso. É unha mágoa que estean instalados no non”, expuxo.

Un apoio importante para os concellos

Os populares consideran fundamental levar a cabo este Plan de Axuda, pois sinalan que “aínda recoñecendo que os recursos da Deputación non son ilimitados, impulsar este plan de apoio adquire unha importancia transcendental neste momento, pois unha institución ben administrada é aquela que bota man da súa capacidade económica de apoio para que os concellos poidan poder desenvolver mellor a súa función e a dos veciños aos que serve e presta servizos”.

Dende o Grupo Provincial do PP consideran “fundamental” que a Deputación Provincial de Lugo elabore e inclúa no Orzamento do ano 2017 un Plan de Axuda dirixido aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Lugo para o financiamento de gastos non finalistas, “xa que son os propios concellos os mellores coñecedores das súas necesidades”.

 

Exit mobile version