Site icon Crónica3.com A Mariña

O pleno da corporación municipal de Cervo aprobou este mércores un trámite para iniciar a mellora da accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas en San Cibrao

Cervo, 30 de novembro de 2016. O Concello de Cervo aprobou hoxe nun pleno extraordinario e urxente un trámite para o inicio do proxecto de mellora da accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas en varias zonas de San Cibrao.

O alcalde, Alfonso Villares, explicou que “hoxe tivo lugar en Cervo ás doce do mediodía un pleno extraordinario e urxente cun único punto na orde do día. Tratábase de excepcionar os límites dun gasto plurianual relativo a un proxecto básico e de execución para as obras de mellora de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas na contorna e accesos das áreas de esparcemento, en concreto nos accesos á Casa da Cultura e a súa praza, na Praza dos Campos e no parque Reina Sofía, situados en San Cibrao”.

Alfonso Villares declarou que “á urxencia obrigábanos unha cuestión de prazos, pois hai que facelo canto antes xa que estamos a falar dunha obra que ten un presuposto total de 94.500 euros e temos que executar parte dela, aínda que sexa unha pequena cantidade na anualidade deste 2016, concretamente temos presupostado 1.000 euros neste ano e o resto, os 93.500 euros restantes van ir executados no 2017. Por ese motivo esta obra temos que adxudicala e facer parte dela neste ano e por iso convocamos o pleno urxente no día de hoxe”.

Villares lembrou que “o presuposto de 94.500 euros foi financiado pola Xunta de Galicia, en concreto pola Consellería de Servizos Sociais, e o investimento vai destinado a obras de accesibilidade no entorno de San Cibrao”.

O rexedor cervense asegura que “neste proxecto de accesibilidade estamos moi concienciados dende o goberno do Concello de Cervo para ir acometendo pouco a pouco, sempre en función da dispoñibilidade económica que teñamos, obras para facer as nosas vilas e pobos accesibles para calquera persoa que poida ter algún tipo de problema de mobilidade”.

 

Exit mobile version