A Mariña, 24 de novembro de 2016. Alcaldes e representantes dos 16 Concellos que forman parte da Mancomunidade de Municipios da Mariña asinarán este venres, 25 de novembro, en Burela un acordo marco en materia de igualdade de xénero. O acto dará comezo en torno ás 12:00 horas e terá lugar no IES Perdouro. Media hora máis tarde iniciarase o acto institucional conxunto, organizado para conmemorar o Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero.
O presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, lembrou que “mañá imos celebrar un día importante contra a violencia de xénero e a favor da igualdade, e imos facelo da mellor maneira posible entre os 16 Concellos da Mancomunidade co propósito de facer un acto en común co obxectivo de que se vexa que os Concellos que conformamos a Mancomunidade estamos a favor de vencer esta lacra e poñer os medios para que isto cada vez vaia a menos”.
Alfredo Llano contou que “será no Instituto Perdouro e ven ser un acto salientable do que é un proxecto que presentamos desde a Mancomunidade o ano pasado aos Plans Coopera da Xunta, e que gañou o primeiro premio”. Este ente, a Mancomunidade, ven de poñer en marcha a Rede de Puntos Limpos de Reciclaxe de Residuos Machistas, tras recibir o devandito premio
O presidente da Mancomunidade asegurou que “é un proxecto moi ambicioso que agora mesmo este mes de novembro e para o próximo mes de decembro, está a ser desenvolvido en toda a comarca a través dos institutos, dos colexios, dos Concelllos, dos Centros de Información á Muller, e vaise elaborar unha páxina web que trate este tema para coordinar todo do mellor xeito posible. É un proxecto que nosoutros estamos levando adiante co propósito de sensibilizar e apoiar todo aquilo que sexa en contra da violencia de xénero e a favor da igualdade. É contra os residuos machistas e trata de conformar un medio transversal que sexa eficaz na loita contra a violencia de xénero”.
Alfredo Llano sinalou que “o acto de mañá é sinxelo no que a partir das doce do mediodía aproximadamente estaremos todos os alcaldes ou representantes de cada Concello para asinar un documento conxunto que de por si é algo singular e novidoso. Esperemos que a partir de agora sexa algo normal e cotiá, pero en principio non é fácil acadar que os 16 Concellos dunha Mancomunidade se xunten para facer un acto en común e sensibilizar sobre estes temas”.
O presidente da Mancomunidade explicou que “unha vez que remate a sinatura farase un acto na biblioteca do IES Perdouro onde van participar profesores do propio centro, das AMPAS, haberá representación das institucións a través da voz dunha alcaldesa da Mancomunidade e tamén vai participar o alumnado do propio centro. Cremos que vai ser un acto interesante onde vai haber moita participación non soamente institucional e educativa, senón que van estar alí moitas persoas e asociacións, todos dando unha importancia singular a esta conmemoración do 25 de novembro”.
Alfredo Llano subliñou que “a Mancomunidade vai seguir actuando neste senso tratando de evitar esta lacra social que hai que tratar a través da prevención, por iso imos aos institutos para buscar a sensibilidade dos máis novos e para que a perspectiva de xénero sexa algo normalizada e implique a non violencia. Estamos ilusionados con este acto e cremos que este proxecto que estamos levando para adiante é interesante pola participación que ten. Vai culminar o 30 de decembro, pero ata aí imos seguir facendo cousas relativas a este tema durante todo este tempo”.