O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña – Ortegal presenta os resultados do proxecto de Promoción e Dinamización Turística do territorio da Mariña-Ortegal o vindeiro mércores 16 de novembro ás 17:00h na sede do Grupo, na Confraría de Pescadores de Celeiro-Viveiro.
Esta presentación será aberta ao público e contará con axentes de todo o territorio vencellados ao sector pesqueiro e ao sector turístico, así como representantes de tódolos concellos.
Durante a xornada, que terá unha duración aproximada de 45 minutos, o equipo de Valora responsable do proxecto presentará os resultados globais das mesas de traballo que se celebraron durante os últimos meses co fin de detectar as principais necesidades e propostas de actuacións no territorio por parte dos propios axentes locais. Ademais, presentará o Plan de Promoción e Dinamización Turística da zona, que recolle unha batería priorizada de ideas e proxectos conxuntos a desenvolver polos promotores potenciais, grazas ao FEMP neste novo período 2014-2020.
O obxecto principal deste Plan é fomentar proxectos non produtivos na Mariña-Ortegal vencellados á posta en valor do patrimonio natural e cultural ligados ao mar, á diversificación da economía pesqueira a través de actividades turísticas, á colaboración e interacción entre os diferentes axentes locais e á comunicación e a mellora da imaxe e posicionamento do territorio como destino turístico.