Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo inicia o proceso de apertura do expediente para a venda das catro parcelas do polígono de propiedade municipal

Mondoñedo, 23 de novembro de 2016.- O Concello de Mondoñedo inicia o expediente para a venda das catro parcelas do polígono industrial que son de propiedade municipal. En concreto, o pleno local aprobará este venres a proposta do expediente de contratación e de licitación destas catro parcelas.

A alcaldesa, Elena Candia, remarcou que dende o Goberno local “estamos a realizar unha forte aposta por medidas encamiñadas a xerar riqueza e postos de traballo na provincia”, polo que considera “importantísimo avanzar na posta en valor do polígono industrial para incentivar o asentamento empresarial na localidade”.

Informe municipal de valoración das parcelas
O informe técnico elaborado polos servizos municipais para determinar o prezo de mercado das parcelas de titularidade municipal existentes no parque empresarial de Mondoñedo tomou como comparativa datos de ata 17 vendas reais de parcelas realizadas noutros concellos da Mariña, entre o 2014 e o 2016. Así, o prezo unitario homoxeneizado para a venda de parcelas de solo industrial similares as que se valoraron por parte do Concello de Mondoñedo é de 27.81 €/m2. Neste senso, a parcela de titularidade municipal de 946 metros cadrados, tería un prezo de venda de 26.308,26€; para a de 1.100 m2, o prezo de venda da parcela en función do prezo unitario homoxeneizado sería de 30.591,00€; para a de 979 m2, de 27.225,99€; e para a de 1.040 m2, de 28.922,40€.

Así, a rexedora lembrou que “traballaron coa pretensión de sacar á venda estas parcelas a prezos asequibles, poñéndoas a disposición dos emprendedores máis locais”.

Condicións de Uso
O informe que se aprobará o venres tamén inclúe que as condicións de uso destas parcelas sería a de calquera actividade industrial (obtención de materias primas ou derivados, incluíndo o almacenaxe, envasado, reparación, transporte e distribución de ditos produtos ou a exposición, reparación e garda de maquinaria), así como as funcións que complementan a actividade industrial propiamente dita.

Entre as condicións de uso tamén se inclúen aquelas actividades non especificamente industriais, como oficinas, laboratorios, centros informáticos, empresas de servicios, garaxe- aparcamento, talleres do automóbil e ou de vivenda. En tipoloxía illada considéranse tamén usos compatibles os hipermercados e establecementos de hostalaría.

Exit mobile version