Mondoñedo, 29 de novembro de 2016.- O Concello de Mondoñedo amplía o seu parque móbil coa dotación dun camión con grúa que permitirá mellorar a capacidade de actuación da administración local á hora de realizar diversas actuacións de conservación da biodiversidade, xa que a adquisición deste medio permite levar a cabo unha silvicultura sostible e un mellor coidado do medio natural ao tempo que se contribúe á protección do medio ambiente.
O investimento neste equipamento, segundo asegura a rexedora municipal, Elena Candia, “era unha necesidade para o noso Concello, xa que nos permitirá ofrecer unha resposta máis áxil e produtiva a través dos efectivos municipais á hora de actuar en acometidos básicos e de resposta diaria e continuada na localidade”.
En concreto, a alcaldesa explica que este camión usado con volquete e con grúa, destinado a actuar en sendeiros, camiños públicos e vías de titularidade municipal, “facilitará o transporte de vexetación e restos forestais ou contaminante en vías municipais, así como a súa carga e descarga, igual que do resto de poda das zonas que invaden as vías municipais, sendo un auténtico perigo tanto para o tráfico rodado como para viandantes de rutas de sendeirismo e camiños públicos, facilitando ao mesmo tempo o tránsito aos agricultores e gandeiros aos predios, evitando, polo tanto, un crecemento vexetal invasor”.
Do mesmo xeito, o Concello empregará este vehículo para transportar materiais naturais como zahorra natural ou terra que permitirá a rexeneración de zonas naturais degradadas; e mesmo a carga e descarga e transporte de residuos vexetais para a planta de reciclaxe máis próxima.
Proxecto municipal: ‘Protección do medio ambiente, do espazo natural e conservación da biodiversidade’
A subvención para a adquisición deste camión foi concedida pola Xunta de Galicia ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental e supuxo un investimento de 38.338,85 euros. En concreto, esta axuda do Goberno galego foi para o proxecto do Concello de Mondoñedo ‘Protección do medio ambiente, do espazo natural e conservación da biodiversidade 2016;’ a través do que a administración local tamén se dotou dunha miniexcavadora. A subvención total concedida pola Xunta de Galicia para este proxecto é de 78.927,75 euros, dos que máis de 14.000 euros se dirixen a gastos de funcionamento e máis de 64.000 euros a investimentos, neste caso, un camión con grúa e unha miniexcavadora.
Así, a alcaldesa de Mondoñedo quixo agradecer a concesión desta axuda por parte da Xunta de Galicia e a resposta en positivo á solicitude do Concello xa que “é paso moi importante, que nos facilitará dar unha mellor resposta aos nosos veciños e coidar e conservar a nosa localidade e o seu rural”.