Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo aproba uns presupostos “realistas” que destinan uns 835.000 euros a investimentos

Mondoñedo, 26 de novembro de 2016.- O Goberno local aprobou no pleno celebrado onte os orzamentos do Concello para o vindeiro ano 2017, unhas contas que a rexedora local, Elena Candia, definiu como “realistas” e que destinan ao redor duns 835.000 euros a investimentos no municipio, é dicir, máis do 25% do orzamento.

A alcaldesa resalta que “aprobamos en prazo” as contas do Concello para o 2017 por un importe total que ascende en torno a 3,2 millóns de euros e das que remarca o esforzo que se dirixe as áreas de benestar, educación, cultura e infraestruturas, cuxas partidas suman ao redor de 1,7 millóns de euros, máis do 50% do presuposto.

Elena Candia engade que as contas para o ano 2017 tamén contemplan partidas para aqueles proxectos comprometidos polo Goberno local, como é o da posta en marcha dun plan de acción para o fomento da natalidade e para loitar contra a despoboación no Concello de Mondoñedo mediante axudas directas e servizos de conciliación. A rexedora da localidade adianta que xa se están a preparar as bases para o desenvolvemento deste proxecto de incentivos para a natalidade.

No que refire a partida de gasto de persoal, Candia matiza que a nova Relación de Postos de Traballo que vén de ser aprobada “queda tamén orzamentada e reaxusta tamén os gastos neste eido, pero non a costa dos dereitos dos traballadores”.

Por último, a alcaldesa lembra que a situación de estabilidade orzamentaria e financeira, permite que o Concello non precise de xeito ineludible o incremento de recadación polo IBI, e as modificacións levadas a cabo permitirán evitar a carga excesiva aos veciños.

Unanimidade na apertura do expediente para a venta das parcelas do polígono
O pleno de onte tamén aprobou por unanimidade a proposta sobre o expediente de contratación e de licitación para a venta das catro parcelas do polígono industrial que son de propiedade municipal. Así, a parcela de titularidade municipal de 946 metros cadrados, terá un prezo de venda de 26.308,26€; a de 1.100 m2, o prezo de venda será de 30.591,00€; para a de 979 m2, de 27.225,99€; e para a de 1.040 m2, de 28.922,40€.

Exit mobile version