Cervo, 15 de novembro de 2016. O Concello de Cervo ven de resolver as axudas para transporte destinadas a aqueles veciños e veciñas que estudan fóra do termo municipal. Aprobou 29 das 36 solicitudes recibidas.
O alcalde, Alfonso Villares, anunciou hoxe que “desde o Concello de Cervo xa resolvemos a convocatoria de axudas para o transporte escolar daqueles alumnos do noso concello que cursan estudos fóra do noso termo municipal”.
Alfonso Villares lembrou que “o prazo para solicitar estas axudas rematou o 20 de outubro e ao final foron 36 as solicitudes de rapaces que estudan fóra do noso termo municipal e que pediron unha axuda en base a esta convocatoria. Delas 29 non teñen ningún problema e váiselles conceder os 200 euros por cada un dos alumnos; e son 7 os que quedan fora por algún tipo de problema ou exclusión motivados na propia resolución. En todo caso estes rapaces van ter un prazo de dez días hábiles para poder reclamar ou alegar o que consideren oportuno por se houbo algún tipo de erro poder rectificalo e darlles tamén esta axuda”.
Pola súa banda a concelleira de Educación, Dolores García Caramés, explicou: “desde o Concello de Cervo xa levamos anos concedendo estas axudas, sobre todo para favorecer e apostar pola educación no noso concello. Neste caso son para todos aqueles rapaces que estudan fóra do noso termo municipal calquera tipo de estudo, ben sexa de Educación Secundaria Postobrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional de Grao Medio, Ensinanzas Profesionais de Artes Plásticas e Deseño de Grao Medio ou ensinanzas deportivas de grao medio. Tamén a aqueles que poidan facer algún tipo de estudo de educación superior, ensinanzas universitarias, ensinanzas artísticas superiores, FP de grao superior e tamén ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao superior e ensinanzas deportivas de grao superior. Incluso tamén están abertas estas axudas para aqueles rapaces que fagan estudos musicais impartidos en conservatorios e escolas de música”.
A responsable de Educación di que “informaremos durante estes días aos distintos rapaces solicitantes, a aqueles aos que se lles concedeu e aqueles aos que se lles denegou, porque tamén se lles dá oportunidade de alegar por se houbera algún tipo de erro”.