Barreiros, 22 de novembro de 2016. O Concello iniciou as obras de construción da nova ponte en Vilamartín Pequenño. O investimento ascende a 50.000 euros. O alcalde, Alfonso Fuente, espera que esta obra estea rematada en pouco máis de tres meses.
O rexedor dixo que “é unha obra que se levaba tempo esperando. Houbo que facer proxectos, houbo que solicitar autorizacións e por fin iniciáronse esas obras. Son uns traballos que teñen un custe duns 50.000 euros e consisten en tirar a ponte sobre o rego Porto Bragán, que estaba moi mal. Esta ponte xa se reforzara hai anos, era moi estreita e ampliárase. E coas riadas agora non quedaba máis que demoler todo, a parte antiga e a que se aumentara e facer unha ponte nova”.
Alfonso Fuente explicou que “vai levar un ancho superior do que tiña ata o de agora, posto que por alí pasan moitos camións por temas moi vinculados á gandería porque é unha zona onde hai moitas explotacións grandes, e polo tanto era unha obra moi demandada”.
O alcalde barreirense espera que “non se demore máis aló de tres meses esta obra. A verdade é que durante este tempo, xa estes últimos días estivo cortada. Tivéramos postas unhas planchas de ferro para non tela cortada e que se puidera estar utilizando, e agora co último deterioro houbo que cortala. Estase utilizando outra vía que está soportando un peso moi elevado de camións e se está destrozando. Polo tanto esperamos repoñer canto antes esta ponte para que se poida volver utilizar, e despois faremos o arranxo desa estrada que están empregando agora como alternativa e que tamén a verdade se está deteriorando bastante”.
Fuente Parga subliñou que “esta é unha obra que está financiada polo Plan de Obras e Servizos da Deputación e o Concello”.
Por outra banda, o alcalde de Barreiros contou que “estamos coas obras de canalización de augas. Tivemos un problema cunha das fincas para onde vai o depósito de cabeceira en Celeiro de Mariñaos, xa o temos resolto e polo tanto espero que ao mellor antes de final de ano poida estar traballándose nesa obra”.
Alfonso Fuente comentou que “se está a traballar en canto a actualizacións, proxectos, modificacións de proxectos e demais, pero o que é en obra en si aínda non se empezou. Eu conto con que antes de final de ano se poida empezar a obra, para que antes do verán poidamos ter parte da mesma en uso para poder aproveitala. Se ben este ano non tivemos moito problema de abastecemento, pero todo o que sexan melloras e aumentos benvidos serán”.