O rexedor cervense explicou: “estou en Madrid, como presidente da Comisión de Medio Ambiente da Federación Española de Municipios y Provincias, en CONAMA, que é o Congreso Nacional de Medio Ambiente e celebra a súa décimo terceira edición. É un congreso onde se xuntan técnicos de todas as administracións, do sector privado e tamén do sector público para falar de aspectos relacionados co medio ambiente”.
O alcalde de Cervo considera que “o medio ambiente cada vez ten que ter máis presenza nas nosas vidas, de todas as persoas, non soamente nas cidades senón tamén das que viven en concellos rurais ou sitios máis pequenos, como pode ser o noso”.
Alfonso Villares engadiu que “dentro deste congreso nacional fixemos un apartado en nome da Federación Española de Municipios y Provincias e imos dar unha serie de conferencias para falar dos distintos obxectivos do desenvolvemento sostible, do cambio climático e tamén da xestión de residuos. Tanto eu como o subdirector de Medio Ambiente da Federación Española de Municipios y Provincias imos dar unha explicación dunha guía de experiencias locais da xestión de residuos e reciclaxe. Despois imos trasladar estas guías a todas as entidades locais de toda España, eu en concreto primeiro ás galegas, para que sirvan dun instrumento que considero fundamental para técnicos e políticos á hora de intentar facer unha xestión máis eficiente e eficaz dos nosos residuos”.