Site icon Crónica3.com A Mariña

Miguel Sande recita o mércores 16 a súa poesía en Foz

O escritor Miguel Sande, recitará unha escolma da súa obra poética, o mércores 16 de Novembro ás 20.30 horas no salón de exposicións do CENIMA de Foz, no marco da Festa Da Palabra, encontro literario musical arredor da poesía, co que A Pomba do Arco tenta achegar a creación literaria ao grande público.

Miguel Sande, autor moi vinculado á Mariña, onde traballa como Delegado da edición comarcal do xornal “La Voz de Galicia”, é un recoñecido autor galego cuxa obra mereceu premios literarios como o Premio de teatro Rafael Dieste, o Premio Repsol de narrativa breve ou este mesmo ano o Premio García Barros ou o Premio Nacional de Teatro Calderón de la Barca. Asemade a súa obra dramática foi posta en escea ao longo de toda Galiza.

A obra literaria de Miguel Sande abrangue diversos xéneros literarios, destacando na narrativa obras como Se algún día esta muller morta, ou A vida fóra e no teatro publicacións como Á alba pide conmigo vivir, Ninguén chorou por nós, 39 veces chao, Elas, que din. No campo da poesía é autor de Palabras para despois da tose, Como a nudez escura da auga, A traxectoria caótica do péndulo, A palabra soterrada e Hoxe, que vén o vento do sur.

O recital de Miguel Sande fechará a edición deste ano da Festa da Palabra, co compromiso de darlle continuidade nos anos vindeiros a esta actividade da que agardamos se converta unha data de referencia da oferta cultural no outono mariñao.

Exit mobile version