Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 40 obras estarán expostas ata o 17 de febreiro en tres dos museos da Rede Museística Provincial de Lugo

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, presentou este luns no Museo Provincial de Lugo a mostra O mundo flúe. Dúas miradas sobre unha mesma realidade da Fundación ONCE que estará exposta dende o 30 de novembro ata o 17 de Febreiro simultaneamente en tres dos museos da Rede Museística Provincial de Lugo; o Museo Pazo de Tor, o Museo do Mar e o Museo Provincial de Lugo. O vindeiro mércores 30 de novembro ás 20:00 horas inaugurarase a exposición no Museo Provincial de Lugo.

García Porto subliñou que “dende a Deputación de Lugo queremos favorecer iniciativas que rompan con calquera barreira entre persoas. Por este motivo, colaboramos e pomos en valor este tipo de actividades, que fomentan a superación de estereotipos na sociedade actual e que impulsan un cambio no pensamento da cidadanía, co fin de contribuír á igualdade de oportunidades e integración das persoas”.

Esta mostra está composta por unha selección de obras pertencentes a 35 artistas, 32 con algún tipo de discapacidade, que participaron nas seis edicións da Bienal de Arte Contemporánea Fundación ONCE celebradas ata o momento e que compoñen os fondos de arte da Fundación.

Fundación ONCE
Un dos obxectivos da Fundación ONCE desde a súa creación hai xa 20 anos, é conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todas as ordes da vida. A Fundación ONCE organizou en Madrid, no ano 2006 a I Bienal Internacional de Arte Fundación ONCE, co obxectivo primordial de recoñecer e difundir a obra de artistas con algún tipo de discapacidade, así como potenciar o seu acceso e participación no mercado da arte, ademais de provocar a atención do ámbito cultural e artístico sobre a realidade do mundo da discapacidade e o seu enorme potencial.

Debido ao éxito acadado na primeira edición a Fundación ONCE volveu apostar pola organización de novas edicións co ánimo de continuar cos obxectivos previstos na primeira edición e mellorar os resultados. Nesta V Bienal Internacional de Arte Contemporánea Fundación ONCE quíxose tamén enfrontar ao espectador aos diferentes puntos de vista na interpretación da discapacidade, tanto de artistas con discapacidade como de artistas sen discapacidade que a utilizan como motor das súas creacións e incidir deste xeito na lexitimidade da diferenza e o matiz enriquecedor que esta dualidade leva.

Exit mobile version