Site icon Crónica3.com A Mariña

Duelo de descoñecidos en Cartaxena

O Pescados Rubén Burela FS viaxa esta noite a terras levantinas na busca de 3 puntos fronte ao novel Plásticos Romero Cartagena FS, na 8ª xornada de Primeira, 3 puntos que referenden e reforcen as posibilidades de evolución dos de Daniel Ibañes unha vez superado o máis que esixente calendario inicial. O de Wssell de Guimbarda (21.15 horas) será un duelo directo para fuxir dos postos perigosos, con 1 só punto de vantaxe dos galegos, na 13ª praza (6 puntos), sobre os murcianos, na 14ª.

“Despois dos 3 puntos esenciais ante Peñíscola, temos moita ilusión para dar continuidade aos bos resultados que nos permitan ir afastándonos dos postos de abaixo; tamén nos veu moi ben o pase a cuartos de Copa do Rei con Ribera e iso deunos moral despois dun inicio moi duro para disputar os partidos que quedan coma unha final” explicaba o 23 laranxa, Antonio Sierra García, Antoñito, sen esquecer a garra do rival: “É un equipo novo, que estrea a participación en Primeira moi motivado. Está disposto a traballar o que faga falta para manterse na categoría; xa demostrou do que é capaz no Palau, cun apertado 5-4, e conseguindo un empate moi valioso ante Magna (1-1)”.

Non obstante, a pedra gañadora está agora no tellado laranxa; Antoñito asegura que o Pescados Rubén atopou o camiño axeitado fronte ao Peñíscola e que, mantendo ese guión, a partir de agora os desenlaces poden ser moi diferentes para os mariñáns: “Nós temos que pensar máis en nós, en facer o noso xogo, coma a semana pasada, e así poderemos sacar os tres puntos, seguro. Ante Peñíscola fomos un equipo durante todo o encontro e iso reflectiuse no resultado. A partir de agora temos un calendario máis accesible e non podemos fallar ante equipos, como Cartagena, que son da nosa liga”, explicaba o ala burelista, moi a gusto na súa cuarta tempada na Mariña: “Estou cómodo e contento, coa confianza do adestrador e dos compañeiros, pero sobre todo penso no ben do equipo, dándoo todo para o grupo e en seguir sumando”.

Non formarán parte da convocatoria Chano e Isi, por molestias no talón e na pube respectivamente. Nas filas locais, Guillamón non poderá contar con Javi Matía, que se recupera dunha lesión de xeonllo, ni con Adeirton, que viaxou ao Brasil por temas burocráticos.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 5. Iago Míguez, 9. Iago Rodríguez, 10. Matamoros, 12. Petry, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. J. Bellvert, 20. Miñano, 21. Cuco, 23. Antoñito, 27. Renato, 30. Hélder.

Exit mobile version