Site icon Crónica3.com A Mariña

David Ballester e Rubén Solloso dirixen o Concerto de Santa Cilla da Banda Municipal de Música de Ribadeo

Ribadeo, 23 de novembro de 2016. A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá este sábado, 26 de novembro, o seu tradicional Concerto de Santa Cilla. Terá lugar no Auditorio Hernán Naval e dará comezo ás 20:30 horas. David Ballester dirixirá unha parte da actuación e Rubén Solloso, a outra
O director titular da Banda ribadense, David Ballester, anunciou que “este sábado, 26 de novembro, ás oito e media da tarde vai ter lugar o tradicional concerto de Santa Cilla da Banda Municipal de Música de Ribadeo. Este ano ímolo facer no auditorio Hernán Naval por mor de que na rúa onde está o Teatro hai obras e por iso tivemos que cambiar de localización”.

David Ballester explicou que “como todos os anos por este concerto, sempre hai algún músico da Banda que vai interpretar algunha obra en solista e este ano temos un concerto de trombón que interpretará o noso trombonista Manuel Álvarez. Tamén haberá un concerto para dous clarinetes de Mendelssohn, que tocaremos Mauro García e eu mesmo”.

Ballester salientou que “tamén como novidade para esta actuación, debido a que nunha das obras solistas toco eu cun dos músicos, a metade do concerto será dirixida polo segundo director da Banda, que é Rubén Solloso Irimia, e a outra metade do concerto por min”.

O director da Banda lembra que “o ano pasado fixéramos un concerto dedicado nesas obras solistas ao compositor Jacob de Haann e este ano o que imos facer é un concerto dedicado a obras de diferentes compositores en concerto, como Sinatra in concert ou Tom Jones in concert, entre outras pezas deste tipo. Serán temas variados destes compositores, cantantes ou músicos”.

David Ballester quere “emprazar á xente a que este sábado 26 ás oito e media da tarde se acheguen ata o auditorio Hernán Naval a escoitar á Banda no seu concerto de Santa Cilla”.

Exit mobile version