Santiago de Compostela,28 de novembro. Compromiso por Galicia considera que a mala situación da economía galega é reversible. Despois de máis de tres décadas de perda de poboación, e dun retroceso brutal no sector primario que se agudizou polas políticas erradas do Partido Popular, os galeguistas entendemos que aínda hai marxe de manobra.Nesta nova lexislatura, demandamos do goberno da Xunta unha posición firme en defensa do noso autogoberno e tamén a posta en marcha dun plan de medidas para fortalecer ao noso medio rural e ao medio mariño.
Propoñemos que a Xunta promova un novo plano forestal, que dea saída as miles de hectáreas de monte que están inutilizadas, que se aposte pola produción de enerxía a través da biomasa e do biogás, que dunha vez por todas se escoiten as demandas do sector lácteo galego, e que se promova unha política de autoxestión e autosuficiencia enerxética, de promoción e posta en valor dos nosos produtos agroalimentarios, facilitar o acceso á terra, e aproveitar os nosos recursos.
Con respecto ao noso mar, entendemos que debe ser unha prioridade a protección da pesca artesanal, con medidas efectivas e a declaración de interese público. Non podemos seguir sen as rías saneadas, nin sendo interlocutores indirectos nas mesas de negociación da Unión Europea. O noso marisqueo e a nosa pesca necesitan un goberno sensible.Tanto na terra coma no mar hai que mellorar as canles de comercialización, o relevo xeracional, a etiquetaxe dos produtos. Temos unha marca “Galicia” que hai que xestionar, promover e defender.
Desde Compromiso entendemos que non podemos volver a equivocarnos nin actuar con servidume a intereses que non sexas os propios. E sobre todo debemos escoitar os labregos e mariñeiros, á xente do medio rural, para realizar un gran pacto social e político que fixe as coordenadas de actuación para que o sector primario nin siga agonizando e a fixación de poboación no rural non sexa só un slogan de campañas electorais. Os galeguistas seguimos a disposición de Galicia, con oso programa, coas nosas propostas e coa nosa xente. Agora tócalles mover ficha aos demais.