Ata o 30 de decembro o estudantado da bisbarra poderá presentar as súas visións da Mariña nas categorías de fotografía e vídeo. A sexta edición da cita, que este ano tan só acollerá fase de concurso, estará aberta para os centros que xa participaron en anos anteriores: Monte Castelo e Perdouro (Burela), Marqués de Sargadelos (San Cibrao), Vilar Ponte (Viveiro), Dionisio Gamallo (Ribadeo), María Sarmiento (Viveiro), Illa de Sarón (Xove), Alfoz-O Valadouro e Foz. Coa chegada de 2017, a Fundación Imdecum fará público o nome dos gañadores, que recibirán unha cámara fotográfica como premio, na exposición dos traballos seleccionados.
Historia do festival
En 2011, o festival Imaxiña deu os seus primeiros pasos descubrindo o mundo do audiovisual no IES Monte Castelo, a través dun obradoiro creativo de vídeo ‘Fotografía en Movemento’, coa participación do pintor xovense Xoán Guerreiro, a comunicadora cervense Sabela Blanco e o profesor de Debuxo e Artes do Monte Castelo Pedro Cabarcos, ademais dunha charla sobre fotografía da reporteira gráfica de La Voz de Galicia Pepa Losada. Na segunda edición, a iniciativa, coa colaboración fotógrafo focego Xulio Villarino, estendeuse aos IES Marqués de Sargadelos, Vilar Ponte e Dionisio Gamallo Fierros, cunha excelente resposta no concurso, con fermosas e orixinais visións da Mariña. En 2013, incorporáronse o María Sarmiento e o Illa de Sarón, nunha edición apadriñada polo polifacético artista viveirense David Catá. En 2014, os fotógrafos Marián G. Mesa e Héctor Manasé compartiron a súa percepción artística co IES Alfoz-O Valadouro, cunha gran resposta por parte do seu alumnado. O ano pasado colaboraron o artista burelao Davixiño e o realizador audiovisual focego Manuel Gil, con obradoiros no IES de Foz e Perdouro de Burela.
Premios 2015
A edición de 2015 resolveuse con dobre premio na categoría de Fotografía, co mar como protagonista, de Pablo García Cobas e Tamara Rico Berdeal, de 1º de Bacharelato. O xurado asignoulle o galardón ao primeiro gañador e o público fixo o propio coa segunda, con 309 votos en Facebook. Tamén resultaron finalistas na rede traballos de Lucía Rivas, do IES Monte Castelo de Burela (267 votos), Alicia Oroza, do IES Alfoz-O Valadouro (148 votos), e Paula Cajoto, do IES Foz (105 votos), todas alumnas de 4º ESO. O xurado do concurso decidiu declarar deserta a vertente de Vídeo.