Burela, 24 de novembro de 2016. Academia A Mariña, entidade autorizada para impartir formación en materia de Benestar Animal, comunica a realización dun novo curso na comarca. Vai dirixido a todas aquelas persoas que, polo seu ámbito de traballo, necesiten estar en posesión do Certificado de Benestar Animal, como traballadores de granxas, matadoiros, transporte de animais vivos, tratantes de gando, cazadores, persoal de explotacións gandeiras, centros ecuestres, etc. O curso dará comezo o próximo 16 de decembro.
O director de Academia A Mariña, Ramón Hermida, explica que “o contido do curso irase desenvolvendo en fases sucesivas, así, o venres 16, de 15 a 20 horas e sábado 17, de 9 a 14 horas, tratarase a parte xeral e común do curso, deixando o tema dos matadoiros e transporte animal para datas posteriores. O obxectivo do curso pretende fomentar o respecto e o trato ético e moral aos animais, así como todo o relativo ao confort animal, abarcando o completo estado de benestar físico. Dicía Gandhi: a civilización dun pobo valórase por como trata aos seus animais”.
Ramón Hermida sinala que “trátase de adquirir un maior coñecemento en distintas disciplinas relacionadas cos animais, como son o comportamento animal, fisioloxía da tensión e o manexo correcto dos animais, tanto a nivel de explotacións como no transporte e, está claro, tamén nos matadoiros. En fin, trátase de lograr unha maior conciencia social sobre as necesidades dos animais. Este tipo de formación vén promovida polas esixencias do mercado actual onde o consumidor demanda garantías sobre os distintos sistemas de cría e sobre as condicións hixiénicas, sanitarias e de benestar animal e que deben garantirse nos produtos que consome. Non debemos esquecer que un 25% dos casos de propagación de enfermidades ten a súa orixe durante o transporte e convén lembrar que todos os anos a industria da carne perde grandes sumas de diñeiro pola aparición de hematomas, carnes escuras, pálidas ou por baixas no transporte”.
Unha vez feita a formación, Academia A Mariña poderá expedir certificacións de competencia tanto para condutores e coidadores de vehículos de transporte como para todo o persoal que manteña relación co mundo dos animais. Todas aquelas persoas interesadas en acudir a este curso de benestar animal poden anotarse chamando ao seguinte número de teléfono: 982 58 50 98.