Así, Rosa Quintana adiantou que se lle remitiron os informes coas consideracións de Galicia a estes dous regulamentos ao Representante Permanente de España diante da UE, Juan Arístegui; ao Presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Alain Cadec; e ao Director Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea, João Aguiar. Os ditames, elaborados en conxunto polo sector e a administración e aprobados no seo do Consello Galego de Pesca, fixéronselle chegar “demandándolle que as nosas propostas sexan tomadas en consideración”, dixo a conselleira. En relación con estas futuras normativas, Rosa Quintana incidiu na necesidade de revisalas e adaptalas ao desenvolvemento real da actividade pesqueira tendo en conta a súa dimensión económica e social.
Ademais, a conselleira trasladou que tamén se lle remitiu ás instancias europeas un documento que recolle unha análise sobre a incidencia que tería para a frota galega a proposta de TACs e cotas para 2017 que fixo Comisión Europea. Nesta materia explicou que a Xunta, da man do Goberno do Estado, negociará no Consello de Ministros da Unión Europea de finais de ano para conseguir incrementar as posibilidades de pesca e alcanzar un reparto que resulte o máis favorable posible ás necesidades reais do sector.
En relación ás posibilidades pesqueiras, a titular de Mar tamén lembrou que co proceso de saída do Reino Unido da Unión Europea, coñecido como Brexit, ábrese a porta para poder revisar o principio de estabilidade relativa, que é o que rexe o reparto de TACs e cotas pesqueiras.
Política de descartes
Por outra banda, a conselleira tamén abordou a nova política de descartes e explicou unha vez máis que a obriga ao desembarque de todas as capturas deberá ser progresiva, feita en base a estudos científicos realizados especie por especie e caladoiro por caladoiro e buscando outras alternativas de pesca. En relación a isto, fixo fincapé na importancia de mellorar a comercialización de especies de baixo valor comercial para engadirlle valor, tal e como aconteceu coa cabala ou co ourizo.
Finalmente, a conselleira fixo fincapé na importancia de desenvolver encontros coma este no que se dan cita produtores, investigadores, técnicos e administración co obxecto de intercambiar coñecementos e experiencias que permitan seguir avanzando na pesca profesional. Destacou a necesidade de realizar estas xornadas xa que a través da colaboración, o intercambio de opinións e o entendemento en conxunto “conseguiremos garantir o futuro da pesca”, sinalou.