Viveiro (Lugo), 26 de novembro de 2016.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou o compromiso da Administración para articular unha resposta global e coordinada á violencia de xénero en calquera das súas modalidades e consecuencias a través dunha asistencia integral ás mulleres vítimas e ás persoas ao seu cargo, así como fortalecer a prevención.
Susana López Abella participou este sábado nas Xornadas contra a Violencia de Xénero da Asociación de Mulleres en Igualdade Burela (BUMEI), onde incidiu que a folla de ruta do Goberno galego na loita contra a violencia de xénero ten varios obxectivos, que son a sensibilización, prevención, denuncia, atención e protección, e reiterou que para acadar estes obxectivos é fundamental a coordinación e a colaboración entre todos os axentes implicados, coma son as administracións públicas, poder xudicial, forzas e corpos de seguridade, entidades e a sociedade no seu conxunto.
A Xunta de Galicia, dende a convicción de que unha sociedade libre de violencia contra a muller é posible no século XXI, invita a participar na súa consecución a toda a sociedade, xunto aos poderes públicos e, reafirma o seu compromiso por fomentar a concienciación cidadá pola igualdade entre homes e mulleres, mulleres e homes, na construción dunha sociedade libre de violencia contra a muller.