Site icon Crónica3.com A Mariña

A edil de Facenda do Concello de Cervo considera que “os socialistas critican o orzamento para 2017 porque lles doe que o Concello vaia a mellor”

Cervo, 24 de novembro de 2016. A edil delegada de Facenda, Dolores García Caramés, considera que os socialistas critican o orzamento municipal para 2017 porque lles doe que o Concello vaia a mellor.

“En vista das declaracións do Partido Socialista sobre os presupostos municipais para 2017 parece que lles doe que o noso Concello vaia a mellor, aínda que sexa pouco a pouco, porque as cifras deste orzamento revelan que é o máis alto dos últimos anos, cun incremento dun 18 por cento con respecto ao deste ano. E a única partida de gastos que baixa é a do capítulo de xuros dos préstamos, que descende un 27 por cento respecto a este ano. Isto é así porque cada vez temos menos débeda e polo tanto podemos destinar o diñeiro a outras cousas. Iso dóelles porque evidentemente o goberno municipal socialista foi moi responsable da débeda que tiña o Concello de Cervo. Ademais unha das partidas que máis soben é a de investimentos reais, que se incrementa nun 13 por cento”, explica concelleira de Facenda.

Dolores García engade que “evidentemente en todos os concellos hai moitas necesidades, que queremos abordar, pero o presuposto municipal non é infinito e dá para o que dá. Estamos priorizando nos investimentos en infraestruturas básicas, sobre todo en saneamentos e abastecementos de auga, porque consideramos que iso é fundamental. Se seguimos nesta liña pouco a pouco iremos cubrindo cada vez máis necesidades deste concello e cumprindo os obxectivos que temos planificados para estes anos”.

A edil de Facenda tamén comentou que “outra das partidas importantes no orzamento para 2017 é a do apartado para fomento de emprego. E en canto ao turismo todo o mundo sabe que estamos a promovelo mellorando todos os nosos recursos naturais, sobre todo coas actuacións en Sargadelos, como o festival Gadélica e tamén os talleres de artesáns que se van instalar alí”.

Exit mobile version