Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación abre o prazo de inscrición para o #INLUGO16

O Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #INLUGO16 xa está en marcha. As persoas interesadas en asistir poden solicitar algunha das 200 prazas gratuítas dispoñibles para o evento, que reunirá no Pazo de San Marcos a destacados profesionais e expertos no mundo das novas tecnoloxías, o xornalismo, o márketing online ou a divulgación científica.

#INLUGO16 celebrarase no Pazo de San Marcos os días 16 e 17 de decembro. A reserva das entradas pode facerse en www.inlugo.com ou en www.deputacionlugo.gal. Estas formalizaranse por rigorosa orde de inscrición.

Como novidade este ano, pódese solicitar unha entrada para cada unha das sesións, isto é, para o venres pola tarde, o sábado pola mañá e o sábado pola tarde, para facer unha mellor provisión do Salón de Actos do Pazo de San Marcos.

Elenco de luxo
A cuarta edición do #INLUGO contará con destacados expertos e figuras relevantes da rede, que compartirán nesta cita os seus coñecementos cos asistentes. O fenómeno de Instagram e dos instagramers será o primeiro dos protagonistas, que chegará da man de Phil González, Head of New Media AMC Networks para a península e América Latina e embaixador de marca de Sony Mobile, pero sobre todo é creador da maior comunidade de usuarios da coñecida rede social de fotografía, http://instagramers.com/, con presenza en centos de cidades do mundo e en continua expansión.
Tras el participará no #INLUGO16 con Bárbara Yuste (@byuste), xornalista e profesora na Universidad Carlos II y Camilo José Cela de Madrid e directora de http://bez.es; Javier Pedreira (@wicho), autor do blog Microsiervos e especialista en Cultura Dixital; Juan García (@blogoff), director de Escuela Bitácoras; Daniel Basteiro (@basteiro), xornalista e cofundador de El Español (@elespanol); Sebas Mouret, estudante e youtuber de éxito ou Miguel Ángel Lureña (@gominolasdepetroleo), doutor, licenciado en Ciencias da Tecnoloxía dos Alimentos e creador do afamado blog divulgativo gominolasdepetroleo.com, entre outros.

O cadro de relatores irase ampliando ata completar unha listaxe de preto de vinte nomes, cuxo perfil e traxectoria irase debullando nos vindeiros días na páxina web oficial (inlugo.com) e as redes sociais do evento, Facebook (facebook.com/CongresoInLugo) e Twitter (twitter.com/in_lugo).

Premios Inlugo16
Tamén está aberto o prazo para enviar candidaturas aos Premios Inlugo16, o certame co que a Deputación de Lugo quere premiar o talento lucense en tres categorías: Comercio, Ocio e Restauración; Deportes, Cultura e Acción Social; Tecnoloxía.

Para participar só é necesario cubrir o formulario que está dispoñible en http://www.inlugo.com/premios-inlugo16/. Neste formulario haberá que achegar nome, teléfono de contacto, correo electrónico e o candidato/a proposto/a ao premio. Poden xuntarse aqueles documentos que se consideren para avalar os méritos da candidatura.

Logo de finalizar o prazo de envío, un xurado formado por expertos da Deputación de Lugo será o encargado de valorar todas as candidaturas e elixir os finalistas de cada unha das tres categorías, un feito que se coñecerá o mércores 14 de decembro. Por último, o sábado 17 de decembro, coñeceranse os e as gañadoras do certame nunha entrega pública como colofón ao IV Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #INLUGO16

Este foro gratuíto e para todos públicos converterase así tamén nunha plataforma de promoción e de recoñecemento daquelas iniciativas, persoas ou organizacións da provincia pola relevancia que este congreso consegue tanto en redes sociais coma na web, co seguimento da retransmisión en streaming, posible grazas á Fundación TIC.

Gañadores dos Premios #INLUGO15
Na pasada edición dos Premios INLUGO foron preto de 80 as candidaturas presentadas. Neste caso, as iniciativas galardoadas nas diferentes categorías foron:

– Comercio, Ocio e Restauración: Teafortwo https://www.facebook.com/teafortwoLugo
– Educación y Formación: o web do Servizo de Cardioloxía do HULA (http://www.cardiologia-lugo.com
– Cultura e Social: Don’t be a foreigner (http://www.dontbeaforeigner.com)
– Tecnoloxía: Cilenis (http://www.cilenis.com).

Exit mobile version