Campos Conde subliñou que “é a primeira vez que unha Deputación fai unha aposta tan clara polo automobilismo. E facémolo porque somos conscientes da importancia deste deporte para a nosa provincia. Lugo é unha referencia no mundo do motor tanto en Galicia como en España debido ao prestixio dos nosos ralis e ao número de licencias de pilotos, pois contamos con máis de 140 federados. De feito, dende esta institución colaboramos coa organización das catro probas automobilistas punteiras da nosa provincia: o rali San Froilán e o da Ulloa, así como as Subidas a Chantada e á Pontenova”.
O Presidente explicou que esta programación conta con 45.000 euros en axudas de concorrencia competitiva, ás que poden optar todos aqueles pilotos que sexan da provincia, que estean federados e que, ao longo de 2015, participasen nun mínimo de dúas probas das seguintes competicións: Campionato Nacional 2015, nas modalidades de ralis de asfalto, ralis de terra e montaña; Campionato Autonómico Galego, nas modalidades de ralis de asfalto e montaña; e Copas Promoción.
Axudas de ata 7.000 euros
As subvencións terán unha contía mínima de 400 euros e máxima de 7.000 euros. Con estas axudas poderanse sufragar gastos federativos da actividade competitiva, gastos de inscrición para competicións ou probas oficiais, gastos pola compra ou aluguer do vehículo de competición, gastos de transporte do vehículo e material de competición, así como gastos da adquisición de pneumáticos do vehículo.
Criterios obxectivos e sociais
O Deputado de Deportes explicou que a concesión estas axudas rexerase en base a criterios obxectivos e sociais, “nun novo exercicio de transparencia e cos obxectivos de chegar ao maior número de pilotos, impulsar o deporte base, premiar o esforzo competitivo e favorecer a igualdade e a integración social”. Deste xeito, terase en conta o palmarés, o ránking oficial e a participación en probas federadas. Valoraranse positivamente as solicitudes de pilotos con capacidades diferentes, as de mulleres piloto e as de pilotos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos.
Prazos
O prazo abrirase previsiblemente este mesmo mes, unha vez que as bases sexan publicadas na Base Nacional de Subvencións e no Boletín Oficial da Provincia. Os pilotos dispoñerán de cinco días naturais para presentar as súas solicitudes.