Site icon Crónica3.com A Mariña

Na memoria de D. Evaristo Lorenzo Orol

Alva García Pico.- Faleceu en Ferrol D. Evaristo Lorenzo Orol, o cura obreiro que chegou a estar detido polo seu compromiso coa defensa do vecindario da parroquia de Lago (Xove). D. Evaristo nacera en Recaré (O Valadouro) no 22 de setembro de 1940. Fixo os estudos eclesiáticos no seminario de Mondoñedo e recibiu a ordenación sacerdotal en Mondoñedo no 29 de xuño de 1966. Con posterioridade a esa data, exerceu en San Mateo de Trasancos entre 1977 e 1978 e neses anos foi profesor de Relixión no instituto Sofía Casanova.

En 1978 chegou o cura de Recaré a un novo destino, desta vez na Mariña, concrentamente ás parroquias de Lago e Morás, ás que incorporou máis tarde o servizo na de Castelo. Uns anos máis tarde, o cura foi designado párroco da Gándara, en Narón, onde levaba 28 anos desempeñando o seu fecundo ministerio pastoral e onde a veciñanza lle tributou unha cálida homenaxe con motivo da súa xubilación.

D. Evaristo Orol, que fixera estudos de Ciencias Sociais en Madrid, desempeñou o cargo de consiliario da Delegación de Pastoral Obreira e exerceu como profesor do Instituto de Ciencias Relixiosas en Ferrol. Foi unha persoa comprometida que arriscou persoalmente por defender o ben común.

Agora repousará na súa terra natal do Valadouro.

Alva García Pico

Exit mobile version