O próximo venres 16 de setembro ás 21 horas, o Cine-Teatro de Ribadeo será o escenario doVI CONCERTO MÚSICAS E LETRAS EN FEMININO. O Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza por sexto ano este evento que une música e literatura co fin de poñer en valor a creación artística das mulleres galegas.
En pasadas edicións as vilas de Mondoñedo, Viveiro ou Ribadeo foran encargadas de acoller a cantantes da talla de Guadi Galego, Sés, Uxía ou Ugia. Desta volta, a vila de Ribadeo volverá repetir como anfitrioa para as convidadas deste ano: Sara Bahía, alumna de música moderna na escola de Foz que interpretará pezas de jazz, bossanova e mesmo folk británico; e Sonia Lebedynski, intérprete de sona pola súa participación en proxectos discográficos de Fía na Roca, Susana Seivane, Camaxe, Seare, Asociación Galega de Gaiteiros Galegos, Brañas Folk, Enrique Paisal ou Sergio Tannus. A agoraista comeza agora a súa andaina en solitario coa presentación do disco “DESERTO DE CENTOS”. Poden atopar máis información sobre ela no seu sitio web: http://sonialebedynski.com/inicio.php.
Ademais do aperitivo musical, o VI Concerto Músicas e Letras en Feminino tamén ofrecerá un recital de poemas de poetas galegas e mariñás que serán lidos por un grupo de mulleres de Trabada, Foz, Ribadeo, Mondoñedo e Viveiro.
A través deste evento, o Observatorio da Mariña pola Igualdade aposta pola promoción das nosas músicas e creadoras. Chegada xa á súa sexta edición, MÚSICA E LETRAS EN FEMININO conságrase xa como unha cita tradicional na axenda cultural mariñá e, debido ao seu formato innovador, volve a colocar a Mariña no mapa con este evento feminista de referencia.
O prezo xeral do bono-axuda-entrada será de 6 euros e poderase reservar ata o xoves 15 de setembro no enderezo observatorioigualdade@gmail.com. O Concello de Ribadeo colabora coa entidade coa cesión do Cine-Teatro.