Ribadeo, 13 de setembro de 2016. O programa Apego ao que se ven de sumar o Concello de Ribadeo traerá este venres, día 16, á vila o espectáculo A alfombra máxica, destinado a nen@s de 0 a 3 anos. A actividade é de balde, pero a asistencia é limitada a un máximo de 25 bebés cos seus respectivos acompañantes. As familias interesadas deben inscribirse na Concellaría de Cultura.
A concelleira de Educación, Mariluz Álvarez Lastra, sinalou que “desde as Concellarías de Cultura e de Educación, desde o Concello de Ribadeo, acabamos de sumarnos ao proxecto Apego, dirixido a poñer en valor a transmisión da lingua galega aos nenos e nenas e a facilitala con apoio, información, recursos… e que traerá a Ribadeo varias actividades ao longo dos vindeiros meses”.
A edil nacionalista dixo que “este venres, 16 de setembro, teremos xa un adianto de Apego en Ribadeo con A alfombra máxica. Así arrinca esa serie de actividades pensadas para bebés e pais e nais en Ribadeo. A alfombra máxica é un lugar de libre experimentación, unha alfombra táctil, sonora e olfativa onde a artista plástica convida aos máis pequenos a mergullarse nunha viaxe sensorial. Xuntos descobren o pracer de apalpar, manipular, escoitar, ver, saborear… unha invitación a xogar e experimentar con todo o corpo. Monicreques, música e outras sorpresas viaxarán cos máis pequenos e cos seus acompañantes adultos por un mundo de emocións e sensacións”.
Álvarez Lastra subliñou que “a asistencia é limitada a un máximo de 25 bebés, entre 0 e 3 anos cos seus respectivos acompañantes e terá lugar no Auditorio Municipal este venres, 16 de setembro, ás 19:30 horas. Para realizar a inscrición, cómpre chamar ao teléfono de Cultura 982 131 565 ou facela presencialmente na propia oficina. Ambas cousas en horario de 08.00 a 14.00 horas. A entrada é de balde”.