Lugo, 1 de setembro de 2016.- O Grupo Provincial do PP esíxelle ao presidente da Deputación e presidente de Suplusa, Darío Campos, a través dun escrito rexistrado hoxe a convocatoria dunha sesión extraordinaria para a aprobación definitiva da modificación dos estatutos da Sociedade Urbanística. A voceira do PP, Elena Candia, explica que o pasado 28 de xullo de 2016 se celebrou unha reunión extraordinaria do Consello de Administración de SUPLUSA na que, de acordo co establecido no artigo 15 dos Estatutos, se aprobou a proposta de modificación dos devanditos estatutos.
Elena Candia explica que, novamente, “e ante a falta de decisión e a falta de traballo da institución provincial, o Grupo Provincial do PP toma a iniciativa para desbloquear unha situación que nos parece insostible”.
“Máis alá de desobedecer unha obriga que lle impuxo ao presidente do Consello de Administración de Suplusa, que me parece denunciable, máis alá diso está a necesidade urxente de desbloquear a parálise que vive a Sociedade Provincial Lucense para avanzar na xestión das residencias. Levamos escoitando dende o ano 2010 promesas incumpridas, promesas de xestión de servizos e agora que moitos do edificios están rematados é cando hai que dar o paso para poñelas en marcha”, engade. Isto só será posible se a Sociedade incorpora a súa función de prestadora de servizos sociais, tal e como incorporou o PP.
A voceira dos populares critica que só apuraren cando hai eleccións. “Seleccionaron o persoal en plena campaña electoral enganando á xente e ademais xogando co que me parece que ningún político podería atreverse a facer que é con xente que está nunha situación de desemprego”, apunta Candia.
Sacámoslles a careta
Candia pregúntase por que agora “non lles interesa” dar este paso cando prometeron a creación dun montón de prazas e neste momento, cando as residencias están listas e poden arrancar, deciden paralo”. “A resposta é clara, sacámoslles a careta de que a Xunta non era a culpable das cousas que se lle imputaban”.
“Estamos hoxe aquí -afirmou Candia ao rexistrar o escrito- para desbloquear esa situación, para modificar os estatutos para que Suplusa poida ser entidade prestadora de servizos sociais que é a única forma posible de facer a xestión das residencias. Cumprindo a lei do 2008 que o mesmo bipartito aprobou no seu momento na Xunta de Galicia. En definitiva estamos novamente para ofrecer solucións onde un goberno en minoría, un goberno enfrontado, un goberno sen proxectos e cunha única actitude entre os problemas que é quedarse quieto a ver si se solucionan solos e iso non pasa nunca, nin na vida nin na política”, conclúe.
Funcións do Consello de Administración
Os populares precisan que os Estatutos en vigor da Sociedade establecen que é facultade da Xunta Xeral modificar os estatutos, tal e como así se fixo. A maiores, o artigo 15 dos mesmos establece que lle corresponde ao Consello de Administración as seguintes funcións:
c) O coñecemento previo, establecemento de directrices, seguimento e aprobación, no seu caso, de todos os asuntos que teñan que someterse á Xunta Xeral de Accionistas, e en particular, os seguintes:
3. A proposta de modificación dos Estatutos…”.
Os populares botan man da lexislación reguladora do réxime local, neste caso o Regulamento Orgánico da Deputación Provincial de Lugo, que no seu artigo 89 recolle que:
“As sesións extraordinarias serán convocadas cando así o decida o presidente/a ou o solicite a cuarta parte, polo menos, do número legal dos membros da Corporación. Neste último caso, a súa celebración non poderá demorarse por máis de quince días dende que fose solicitada… No caso de solicitude de pleno extraordinario pola cuarta parte dos deputados provinciais, se o presidente/a non convocase o Pleno extraordinario solicitado, quedará convocado automaticamente para o décimo día hábil seguinte ao de finalización do prazo sinalado no artigo anterior, ás doce horas. O secretario da Corporación notificará a todos os membros o contido no parágrafo anterior ao día seguinte da finalización do prazo de quince días citado anteriormente”.