Ribadeo, 2 de setembro de 2016.- O Grupo Municipal do PP O Grupo Municipal do PP de Ribadeo agradécelle á Xunta a achega de 60.000 para a mellora da Rúa Alza, o que vai permitir intervir no servizo de saneamento e reparar o firme, considerablemente danado.
O voceiro do Grupo Municipal do PP de Ribadeo, Jesús López Penabad, censura que o alcalde dea conta das obras sen recoñecer que as financia o Goberno galego, de feito, el fala dun investimento de 50.000 euros cando a Consellería de Vicepresidencia fixo unha achega para estes traballos de 60.000 euros.
“É unha tomadura de pelo que o BNG se arrogue o investimento cando realmente o posibilita a Consellería de Vicepresidencia da Xunta”, precisa o voceiro.
“Está moi ben que faga anuncios, pero que conte as cousas como son. Nin son 50.000 euros nin proceden de fondos propios, senón que a Xunta destinou 60.000 euros a través do departamento que dirixe Alfonso Rueda para acometer eses traballos tan necesarios na Rúa Alza”, engade López Penabad.
Os populares recordan ademais que foron os propietarios os que hai pouco tiveron que ocuparse de amañar os problemas derivados do saneamento e os malos cheiros na Rúa, polo que urxen ao Concello a que acometa as obras “de xeito inmediato e de maneira que prexudiquen aos veciños e veciñas o menos posible”. Así, reclaman que as obras sexan ben sinalizadas e se informe a todos os veciños e condutores.
O mesmo descaro coas obras do rural
O voceiro do PP asegura que o mesmo “descaro” do que o alcalde bota man para falar destas actuacións o usa cando se trata das obras de arranxo dos camiños do rural. Así, o rexedor esquece mencionar que non é o Concello senón a Xunta quen destina un investimento de 84.494 euros ás pistas das parroquias de Ribadeo na anualidade de 2016.