Mondoñedo, 15 de setembro de 2016.- O Goberno local do Concello de Mondoñedo desenvolverá un proxecto dirixido á rehabilitación da planta baixa do edificio do Concello, coa finalidade de habilitar esta zona para servizos sociais. A zona será máis accesible e permitirá que os traballadores desenvolvan a súa labor de xeito máis coordinado.
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, defende a necesidade desta actuación para conseguir agrupar as distintas dependencias de servizos sociais nun espazo común que reúna as condicións de accesibilidade que esixen unhas instalacións de atención ao público como as nomeadas. “Buscamos, explicou, recolocar os servizos para ser máis accesibles”.
En concreto, a zona na que se realizarán as obras é a situada á esquerda do vestíbulo de entrada, onde na actualidade se atopan tres antigas celas que hoxe en día están en desuso, así como dous espazos previos, un destinado á policía local e outro a almacén.
Candia lamentou o estado no que o actual equipo de Goberno atopou algunha destas dependencias, xa que nos espazos que se empregaron como cela está almacenado numeroso material desaproveitable e gardado en moi pésimas condicións. Polo tanto, “estamos a darlle uso a espazos do edifico consistorial abandonados, para ofrecer un maior servizo tanto aos nosos maiores e dependentes como a todos os veciños que acudan ás oficinas de servizos socias”.
Dun xeito máis específico, na zona de edificación á esquerda do vestíbulo de entrada situaranse as oficinas destinadas a traballadores sociais así como dous despachos, para avogada e a psicóloga, ademais dunha sala de xuntanzas.
O proxecto para a rehabilitación dunha zona da planta baixa deste edificio, que se encontra catalogado segundo o Plan de Reforma Interior como de interese Excepcional, foi elaborado pola arquitecto Gloria Trigo e suporá un investimento superior aos 30.900 euros. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza resolveu concederlle unha subvención ao Concello de Mondoñedo no marco da orde de axudas para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculacións á prestación de servizos municipais.