O alcalde, Alfonso Villares, explicou que “facemos entrega dos carnés básicos de manipulador de produtos fitosanitarios a aquelas persoas que desenvolveron un curso que foi organizado pola asociación de mulleres rurais As Espalladoras e no que colaboramos desde o Concello de Cervo”.
Alfonso Villares especificou que o Concello “o que fixo foi poñerse en contacto con esta asociación e outros colectivos para entre uns e outros facer o posible para acercar estes cursos ao noso concello e así facilitarlles a aqueles veciños que necesitan este carné de manipulador de produtos fitosanitarios a súa obtención. Hoxe vaise facer a entrega correspondente a este primeiro curso, ao que acudiron 25 persoas e no que conseguiron este carné que é obrigatorio desde o 26 de novembro do ano pasado para mercar e para aplicar os produtos fitosanitarios. E, evidentemente, no noso concello, como en outros moitos de Galicia, a maior parte dos veciños teñen hortas e cultivan produtos para o seu autoconsumo; e, polo tanto, necesitan este carné de manipular de produtos fitosanitarios”.
O rexedor municipal rematou comentando que “desde o Concello de Cervo seguiremos estando en contacto con todas aquelas necesidades que lles poidan xurdir aos nosos veciños, como foi neste caso facendo o posible por facilitarlles que conseguiran este carné”.