Site icon Crónica3.com A Mariña

O CEIP Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo inicia o curso coas obras de mellora do patio cuberto rematadas

patio-cole-mondMondoñedo 14 de setembro de 2016.- O Goberno local do Concello de Mondoñedo dá conta do remate das obras de arranxo do patio cuberto do colexio Álvaro Cunqueiro da localidade. A alcaldesa, Elena Candia, precisou que esta actuación se executou a instancias da comunidade educativa e do propio Concello e contou cunha subvención de 42.657 euros da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Candia agradeceu ao organismo autonómico esta axuda para unha actuación “moi necesaria para os nosos nenos e nenas”.

A rexedora destacou que as obras “están rematadas antes do inicio do curso escolar para que os alumnos e alumnas poidan desfrutar delas dende o primeiro día”. A popular avanzou tamén que consistiron, en concreto, en “arranxar o teito e o chan do patio cuberto do CEIP, así como no pintado integral do recinto”.

Candia precisou que ata o de agora as instalacións “presentaban unha cuberta deteriorada polo paso do tempo e contaban cun pavimento de canto rodado”. Deste xeito, con esta actuación procedeuse ao adecentado do teito e á colocación dun mellor firme “onde os alumnos e alumnas poidan xogar sen perigo”.

A alcaldesa recalcou que “gracias a estas obras, os máis pequenos dispoñen agora dunhas instalacións melloradas e de calidade nas que poder xogar e realizar as súa actividades didácticas”. Salientou ademais que “os nenos e nenas son o máis importante para o equipo de goberno mindoniense e coa execución destas actuacións os nosos rapaces e rapazas e todo o persoal do centro poderá dispoñer dun recinto cuberto renovado e de calidade para poder estar os días de choiva”.

Compromiso da Consellería de Educación
Elena Candia agradeceulle á Consellería de Educación da Xunta de Galicia a axuda aportada para poder levar a cabo esta obra. A rexedora, ademais, destacou “que o organismo autonómico, gobernado polo Partido Popular, demostrou ao longo de todos estes anos o seu compromiso co municipio mindoniense e co propio centro coas diversas actuacións que se levaron a cabo no mesmo”.

Candia recordou as obras de reforma da pista exterior do CEIP, o arranxo do chan, o peche, o cambio na instalación eléctrica do centro ou a execución dun parque infantil para os máis pequenos. “Todas estas obras foron executadas no Colexio Álvaro Cunqueiro gracias ás subvencións da Consellería de Educación da Xunta”, salientou a rexedora.

Exit mobile version