Burela, 01 de Setembro de 2016. A substitución da cuberta de fibrocemento no pavillón do CEIP Virxe do Carme é unha demanda que xa ven de vello por parte da comunidade escolar polas filtracións de auga e por ser un material que supón un risco potencial para a saúde; cando o voceiro do BNG solicitou acceso ó expediente descubriu que a Xunta de Galicia, quen realiza a obra, nin dispoñía de licenza nin solicitou tal documentación no concello. “É impresentable que se comece unha obra sen licenza, nin sequera solicitando a mesma no concello. Só chegou este luns unha comunicación de inicio de obra, trece días despois do comezo da mesma, pero nada mais” dixo Mario Pillado.
Nesa comunicación, a Xunta di que se xustifica a obra polo mal estado das pranchas translúcidas pero que se xustifica a non retirada no antigo teito polo bo estado do resto das pranchas, algo bastante contraditorio. A lei obriga á retirada deste tipo de material en canto se produce algún residuo, algo inevitable na práctica. “Non é de recibo que en pleno 2016 non se retire dunha construción unha estrutura que contén amianto, un material prohibido dende hai anos polo risco que supón para a saúde, todo para aforrar uns 20.000 euros” salientou Pillado.
Atendendo a isto cabe recordar que o ex rexedor González Barcia sempre se gabou da consecución desta obra, que nun inicio cifrou cun orzamento de 97.000. Sen embargo, fai unhas datas reduciu esa cantidade a 60.000 euros mentres se anotaba o tanto como se seguise sendo alcalde. A realidade é que o presuposto está en 40.000 euros, polo que semella que a diferenza está en deixar posta a antiga cuberta do pavillón. “Dende que o coñezo, o señor Barcia alardea de supostos logros para a vila, como o caso da Escola Infantil, que anunciou a súa apertura para o curso 2015/16 e grazas a súa penosa xestión é probable que nin en 2017 comece a funcionar. Agora anunciou na prensa unha obra da Xunta e descóbrese que non dispón da pertinente licenza e que non cumpre coa normativa” espetou o voceiro nacionalista.
O alcalde, como é costume, non reaccionou a tempo ante esta situación.
Se ben o portavoz popular está a empregar outros temas na prensa para agochar esta auténtica trapallada; o actual alcalde, Alfredo Llano permitiu que esta obra se levase a cabo durante case dúas semanas sen licenza municipal e incumprindo a normativa en canto a saúde medioambiental. Non foi ata que dende a ANPA e o centro lle solicitaron unha reunión pedíndolle solucións cando instou á paralización da obra.
“De novo o señor Llano mostra unha total desidia e despreocupación polos problemas dos veciños; él e o señor Barcia non fan mais ca rifar, sexa na prensa ou nos plenos, pero non se ve que traballen moito polo benestar dos veciños de Burela” destacou Pillado.
Dende o BNG, piden ós dous representantes públicos un pouco mais de cordura. “Creo que a imaxe que están a dar estes dous persoeiros é lamentable, son a viva imaxe dos seus respectivos partidos. Que se deixen de dietas e demandas e que se poñan a traballar onde lle toca a cada un, que xa vai mais dun ano de lexislatura e semella que foi tempo perdido” finalizou Mario Pillado.