Segundo a matricula na comarca da Mariña, segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Cultura, volveron ás clases este xoves 15 de setembro 3.211 alumnos: 2.167 alumnos na ESO, 730 en bacharelato e 314 alumnos de ensinanzas de réxime especial. Estas últimas inclúen bacharelato para adultos (150 matriculados), ESO para adultos (161 matriculados) e ensinanzas básicas iniciais (3 matriculados).
No caso da Formación Profesional (FP) – non incluída nos devanditos 3.211 estudantes- a Consellería está aínda a pechar os datos de matriculación, dado que o prazo para inscribirse permanece aberto ata o vindeiro 23 de setembro.
Todos eles son datos provisionais, xa que cómpre lembrar que as cifras de matriculación non serán definitivas ata dentro dunhas semanas, dado que aínda nos últimos días se realizaron exames de recuperación en secundaria.
A secretaria territorial da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, visitaba o IES do Camiño, en Palas de Rei, nesta primeira xornada de curso para os alumnos de secundaria. Acompañada polo alcalde da localidade, Pablo Taboada, puido comprobar in situ como o alumnado e o corpo docente retomaron a actividade educativa con normalidade. Normalidade que se fai extensible aos 82 centros que imparten educación secundaria obrigatoria (ESO), bacharelato e ensinanzas de réxime especial na provincia, e que para este curso contan cun total de 13.883 alumnos.