Lugo, 1 de setembro 2016. A candidata do BNG por Lugo ás eleccións galegas do 25 de setembro, Olalla Rodil, visitou un apiario para coñecer a situación na que se atopa neste momento o sector apícola. Rodil asegurou que “a produción de mel supón un importante complemento á renda de moitas persoas desta provincia, ademais da importancia ambiental que ten o mantemento desta actividade no rural”. Unha das maiores preocupación do sector, neste momento é a proliferación da vespa asiatica. Olalla Rodil afirmou que “temos constancia de que a avespa Velutina xa está no concello de Lugo”.
Rodil apostou pola creación, dende a Xunta de Galiza, de departamentos de investigación especializados para facer seguimento “e establecer pautas de actuación” sobre esta praga. “Non pode ser que o único que se faga para tratar de controlar esta especie invasiva sexa crear un negocio para que empresas facturen un servizo á Xunta, que non acaba de ter a eficacia esperada e que é cuestionado dende diversos sectores” sentenciou a candidata do BNG.
“No tema da avespa Velutina, hai que actuar con seriedade e contar cos apicultores” dixo Rodil. Olalla Rodil sinalou que “dende a Xunta non se está a traballar con rigor contra esta plaga, cando Euskadi, por exemplo, xa ten protocolos establecidos e centros de investigación”. “Temos coñecemento de queixas por parte de veciños e veciñas sobre a xestión que se está a realizar para poder desfacerse dos niños de vespa asiática, e sobre os protocolos á hora da retirada dos mesmos” informou Olalla Rodil e engadiu “tal e como se está facendo pódese estar aceletando unha maior diseminación desta especie no noso entorno”.
Olalla Rodil puido comprobar en primeira persoa que “unha das grandes preocupacións é o aumento que se está a dar do número de niños de vespa Velutina o que supón un grave risco para as abellas e para a produción agropecuaria en xeral”. Neste momento son os propios apicultores os que están a facer fronte, case en solitario, a esta praga tratando de paralizar o aumento do número de Velutinas que nos atopamos practicamente por todo o país.