1962, ano pródigo en cultura e deporte locais. O alcalde Beltrán, querendo sacar partida ás augas da ría, pensou na posibilidad de logralo co piragüismo, que podería axeitarse mellor ás condicións naturais da mesma, e con ese fin organizar unha travesia anual á ría. Tivo a intlixencia de involucrar no proxecto a Jacinto Regueira, árbitro internacional de piragüismo, namorado da súa práctica, disposto a realizar canto esforzo e dedicación requerise. E de verdade que o logrou, debido en boa medida ó seu prestixo no mundo da especialidade.
De contado a cita acadou sona entre os practicantes do litoral norte e tamén dos clubes fluviais de Galicia e Castela/León, procedencia da meirande parte dos pailistas. Declarouse a proba puntuable para o nacional.
Jacinto Regueira chegaba a Foz no coche de liña o día anterior, cargando ó lombo con bandeiras, boias, cordas, sinais e demais pertrechos organizativos, e os numerosos trofeos que ocupaban boa parte do seu tempo pois debía clasificalos e ordenalos.
Entón era xenerosa a aportación de altas personalidades- mesmo ministros- de trofeos para a proba; a entega espertaba gran expectación para o que se instalaba un amplo palco nos xardíns do porto, diante dunha multitude que abarrotaba o peirao da dársena. Regueira, mestre nacional, home con personalidade, puntualidade inglesa; cronómetro e o regulamento por bandeira, fora presidente das federacións galega e española, diploma do Comité Olímpico polo seu labor a prol do deporte; dirixiu competicións e cursiños para árbitros de medio mundo. Foi alma e corpo do acontecemento que tanto nome díu a Foz e que compre os 54 anos. Entre vellos papeis gardamos a caricatura do deportista realizada polo debuxante lugués Mouriz cuxa garimosa dedicatoria testemuña a cordial relación que mantivemos o cronista e Regueira; iste hai uns anos ficou, solteiro, nunha Residencia da Coruña.
Suso Fernández.