Site icon Crónica3.com A Mariña

Cubertas en tempo récord as prazas dos cursos para maiores do InLugo da Deputación

Esgotadas en 4 horas as prazas para participar nos cursos de novas tecnoloxías para maiores do InLugo da Deputación. Son un total de 760 inscricións realizadas para formar parte dos 29 obradoiros gratuítos cos que a TIC da Deputación impulsa a alfabetización dixital dos maiores de 55 anos da nosa provincia.

É importante subliñar que, debido á alta acollida en edicións anteriores, decidiuse aumentar en 5 os cursos que se ofrecen neste último trimestre, ofrecendo un total de 393 prazas. Vista esta situación, estase a estudar a posibilidade de aumentar o número de cursos, co fin de adaptar mellor a oferta á grande demanda existente neste tipo de accións.

A través desta programación, refórzase a aposta da Deputación e da Fundación TIC pola alfabetización dixital dos lucenses de máis de 55 anos como ferramenta para mellorar a súa calidade de vida.

Móbil e fotografía, os cursos máis demandados
A nova tempada na sede do InLugo fará especial fincapé en dúas materias: os cursos e obradoiros relacionados co uso do móbil e a fotografía, os máis demandados, e inclúe dous talleres novos: “Facemos vídeo con fotografía” e “Taller de retoque fotográfico”. O prazo de inscrición ábrese este mércores, 14 de setembro.

Alimentatic: dieta e saúde

Con motivo da celebración, o 16 de outubro, do Día Mundial da Alimentación, o InLugo organizará ata finais de ano 15 talleres distribuídos en todas as comarcas da provincia, e dúas conferencias maxistrais sobre a importancia de mellorar as prácticas alimentarias a través das tic.

Ademais de participar nestes obradoiros, nos que haberá postos con alimentos saudables para os asistentes, os maiores terán a súa disposición unha guía de alimentación en formato dixital co deseño, por exemplo, dun menú semanal saudable ou con consellos para comer ben a prezos económicos.

O InLugo na rúa
Neste novo trimestre o InLugo desenvolverá varias xornadas monográficas, como as dedicadas ao Nadal ou ao Día do Maior, e que sairá á rúa con diversas actividades para achegar á sociedade o traballo que desenvolve. Unha das máis próximas será no San Froilán, un escaparate excelente para que todos os lucenses e visitantes que veñen ás festas patronais de Lugo nos coñezan de primeira man, neste caso concreto, cun taller de fotografía.

Todas estas actuacións desenvólvense no marco do programa de “Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia”, que xestiona a TIC da Deputación.

Exit mobile version