Contan que tan reputada saga, outrora de modesto orixe, adquiriu de xeito paulatino poder e presencia a través da actividade bancaria, constituíndo a Banca Medici un dos bancos máis prósperos e respectados en Europa.
Tamén de orixe italiano, os montes de piedade ou “montepíos” eran entidades benéficas onde os pobres podían acadar sumas en metálico empeñando as súas pertenzas, sendo o primeiro “montepío” español o de Madrid, fundado no ano 1702, que sería o xerme das caixas de aforros.
Na nosa terra tamén houbo “montepíos”, as caixas de aforros foron institucións herdeiras de dita tradición e abriron durante décadas a billa do crédito barato ás familias máis humildes que non poderían financiarse a través do formulas bancarias tradicionais.
O culmen da banca pública galega foi a confluencia das caixas de aforros de Lugo e A Coruña baixo a nominación de Caixagalicia. Foron anos de consolidación e brilo desta icónica institución.
O que veu logo, a partir do ano 2010, previa fusión e posterior venda e liquidación, son feitos sobradamente coñecidos por todos.
Pero quixera reparar nos nosos filántropos autóctonos, no mecenazgo galego; aí veñen representadas e perfectamente traídas a colación as figuras de José Luis Méndez e Julio Fernández Gayoso. Estes bos samaritanos que gozaban do máis alto recoñecemento e consideración social decidiron non reparar, e recoñecerse a eles mesmos unha indemnización á altura da súa xestión.
Esta mesma semana temos noticia do pronunciamento último do Tribunal Supremo en relación coas penas impostas ós 5 directivos de Abanca polos tipos penais de administración desleal en concurso de leis e apropiación indebida.
A máis alta instancia xudicial non só ratifica as condenas de prisión impostas pola Audiencia Nacional senón que considera que as penas aplicadas son “exiguas dende a perspectiva da gravidade das condutas.”
O que ven a concluír o alto tribunal é a existencia de “inequívocos actos apropiatorios con fines de lucro persoal”, é dicir, que “fanaron” todo o que puideron e que a pena imposta é ridícula en canto á cuantía, non podendo ser revisada por cuestións procuesuais.
Finalmente non quixera deixar de lado a oportunidade de tocar o debate electoral que tivo lugar o pasado luns 12, pero non, neste caso, para valorar ós candidatos, senón para rescatar unha cuestión que non gustaría de pasar por alto: que o Banco de España veu a recoñecer, tamén nestas mesmas datas, que coa venda de NovaCaixaGalicia se perderon 8.000 millóns de euros do rescate polo camiño. Non se nos fora esquecer, por insignificante, dita circunstancia.
Gusto de resaltar este feito para ponderar a xusta gratitude que debemos a mecenas e dirixentes. Longa vida.
Pablo Álvarez Ramos.