Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG Saúde denuncia “o estado de desmantelamento da atención primaria na Mariña”

Ante os anuncios electoralistas de Feijóo e Balseiro, CIG Saúde A Mariña volve denunciar a política destrutiva ao longo destes anos, levada a cabo polo equipo xestor da EOXI de Lugo-Cervo-Monforte nos Centros de Saúde da Mariña.

PARALIZACIÓN DO PLAN MELLORA DE ATENCIÓN PRIMARIA
O Plan de Mellora de Atención Primaria nacera do acordo entre as organizacións profesionais, sindicais e a administración coa pretensión de facilitar o acceso ás probas diagnósticas sen ter que derivar aos doentes a especialistas, acurtando así as listas de espera e axilizando tanto os diagnósticos como o seguimento das enfermidades. Porén, desde o acceso do PP ao goberno da Xunta a súa aplicación foi paralizada porque, en troques de apostar por un modelo de promoción da saúde e prevención da enfermidade, apostou por derivar aos usuarios/as aos hospitais, onde está o negocio, de cara á súa privatización.

AMORTIZACIÓN DE PRAZAS NOS CENTROS DE SAÚDE
Dende a Federación da Saúde da Mariña lembran a amortización de prazas de profesionais de saúde co silencio cómplice dos alcaldes do Partido Popular en Ribadeo, Cervo, Xove ou Ourol.

CIG Saúde lembra tamén o intento de pechar o Centro Médico de Cervo por parte de Feijóo, concello con alta dispersión xeográfica e poboación envellecida, unha medida finalmente freada pola forte mobilización na rúa da veciñanza durante máis dun mes tanto en Cervo como en San Cibrao.

ATENCIÓN PEDIÁTRICA
A central nacionalista lembra o déficit na atención pediátrica nos diversos Centros de Saúde (Ribadeo, Cervo, Burela, Mondoñedo, O Vicedo…)

Mentres Feijóo afirma apostar polo rural a realidade é que precariza servizos básicos.

“A sanidade é un dereito de todos e de todas independentemente do lugar onde vivan os nosos nenos e nenas”, afirman dende CIG Saúde.

GRAVE PERDA DE CALIDADE ASISTENCIAL
“A amortización de prazas nos Centros de Saúde, a falla de cobertura das ausencias dos profesionais, a contratación en precario por días e incluso por horas provoca unha sobrecarga de traballo que repercute nunha grave perda da calidade asistencial e un aumento do desemprego na comarca”, lembran dende a central nacionalista.

Para CIG-Saúde é fundamental recuperación dos postos de traballo suprimidos nos últimos anos para garantir a calidade asistencial, a estabilidade laboral e acabando coa precariedade que presenta o sistema.

DESMANTELAMENTO INTENCIONADO DA SANIDADE
Segundo CIG-Saúde, este é o modelo que o goberno de Feijoo e demais gobernantes do PP promoven e impulsan a través dos seus xestores da EOXI de Lugo-Cervo-Monforte e que está a provocar o desmantelamento intencionado da atención sanitaria. É o modelo da destrución de emprego, o modelo do deterioro progresivo da Atención Primaria, asfixiando os seus profesionais co interese de trasladar á cidadanía a percepción dunha sanidade precaria e insostible, e deste xeito, entregar a mans privadas o tan ansiado negocio da sanidade pública.

Para CIG Saúde A Mariña é fundamental rescatar a sanidade pública galega e dignificar a Atención Primaria para garantir un servizo básico de calidade e proximidade fronte os gobernos do PP que pretenden convertela nun privilexio.

Exit mobile version