Site icon Crónica3.com A Mariña

Casas con escudos, muíños ou Pena Corveira na ruta das Fachas deste sábado 17 polo concello barreirense

pres-ruta-fachasBarreiros, 15 de setembro de 2016. O Concello organiza a Ruta das Fachas, que terá lugar este sábado, día 17, por San Xusto. Os que acudan a esta andaina poderán ver casas con escudos, muíños, a capela de San Antón no Val do Caínzo, as Fachas, Pena Corveira, a igrexa parroquial (que data do século XVI) e algún cruceiro. A Ruta das Fachas foi promovida polo profesor Emilio Piñeiroa, que acudiu á presentación na que participaron o alcalde, Alfonso Fuente, e o concelleiro de Medio Ambiente, José Manuel Gómez.

O edil barreirense explicou que “se vai realizar o día 17, sábado. É unha ruta que deseñou o profesor Emilio Piñeiroa Lozano, que estivo moi vinculado aquí a Barreiros, deu clases en San Miguel de Reinante durante moitos anos. Foi o promotor desta ruta, deseñouna el e falando comigo e co alcalde para intentar sinalizala porque ten un gran valor turístico. Vai ser a primeira ruta que se vai realizar”.

Gómez Puente contou que “o comezo da ruta vai ser en San Xusto, no campo da festa ás dez e media da mañá, visitaremos a Capela do Val de Caínzo e chegaremos ás Fachas. É unha zona onde hai un xacemento arqueolóxico, está catalogado por Patrimonio, hai evidencias de que existiron unhas mámoas que foron alteradas por traballos de deforestación. Hai tempo sobre o 1936 din que se destruíron. Con esta ruta o que queremos é poñer en valor esa zona e visitar a Pena Corveira, que está a 438 metros de altura e ao lado está a Fonte Fermosiña”.

O concelleiro de Medio Ambiente engadiu que “Emilio Piñeiroa vainos explicar un pouco a historia e cómo estaban as mámoas colocadas e visitaremos os muíños que hai pola zona e a Igrexa de San Xusto, que ten uns preciosos retablos. Acabaremos a xornada cunha comida. Temos de prazo para anotarnos os que queiramos asistir á comida ata mañá, venres, e o que queira participar na ruta o que ten que facer é estar o sábado ás dez e media no campo da festa de San Xusto”.

Segundo José Manuel Gómez Puente o obxectivo pasa “por tentar desde o Concello ir involucrando ás asociacións de veciños de San Xusto e de Vilamar para que eles collan esta iniciativa e fagan esta ruta sempre coa colaboración do Concello. O Concello tamén fará unha vez ao ano esta ruta. Trátase dunha ruta circular de 8 quilómetros dunha dificultade baixa-media e eu creo que é importante porque pasamos preto de cinco muíños, unha igrexa parroquial, e hai escudos tamén. Visitaremos unha zona que ten unha historia patrimonial importante e coñeceremos a flora, a fauna e a paisaxe, que é preciosa coas vistas do Val de Cabarcos, do Val de San Xusto, e tamén se ve Foz e o Cantábrico. Eu creo que vai ser de interese e animo á xente a que participe”.

Exit mobile version