Ribadeo, 14 de setembro de 2016. Do 15 ao 30 de setembro estará aberto o prazo de inscrición nas escolas deportivas de inverno, que oferta o Concello ribadense. Son 13 as disciplinas das que poderán gozar os nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e os 13 anos. Nesta edición hai dúas novidades: rugby e hockey liña. O concelleiro de Deportes, David Rivas, subliñou que “poucos concellos poden presumir de ter un abanico tan grande de deportes”.
O edil nacionalista dixo que “estamos rematando un verán frenético no que á actividade deportiva se refire en Ribadeo. E como cada ano toca comezar o novo curso de escolas deportivas, unha aposta clara do Concello polo deporte base no que o ano pasado se xuntaron 463 nenos e nenas no total das disciplinas de inverno e máis de 120 nas de verán. En total conseguimos vincular a case 600 nenas e nenos ao deporte base”.
David Rivas contou que “este curso conteremos con 13 disciplinas deportivas, dúas máis das habituais destes últimos anos que son fútbol, fútbol sala, karate, patinaxe, natación, atletismo, tenis, baloncesto, ximnasia rítmica, tenis de mesa, pádel e as dúas novidades que hai este ano que son rugby e hockey liña”.
O concelleiro de Deportes manifestou: “atreveríame a dicir que poucos concellos, xa non só da provincia de Lugo senón incluso de toda Galicia e mesmo de gran parte do Estado, poden contar cunha oferta deportiva tan ampla. Son 13 escolas deportivas de inverno máis as cinco escolas náuticas de verán fan un total de 18 escolas deportivas. Poucos poderán presumir de ter un abanico tan grande de deportes”.
Rivas engadiu que “no Concello pensamos que todo neno, toda nena, debe ter dereito a practicar deporte e por iso un ano máis, e van catro desde 2012, mantemos o prezo da matrícula en 60 euros, non o subimos porque pensamos que non están os tempos para incrementar taxas nunha cousa coma esta, que consideramos tan necesaria para a nosa mocidade. Tamén queremos lembrar que o Concello dispón de axudas para o pagamento total ou parcial da matrícula para familias con situacións económicas máis desfavorables”.
O prazo de matrícula estará aberto do 15 ao 30 de setembro, “destinado a nenos e nenas de 4 a 13 anos e lembrar que nas escolas con límite de praza farase un sorteo, sempre tendo preferencia as nenas e os nenos empadroados e escolarizados en Ribadeo. E desde aquí animar a todos os mozos e mozas de Ribadeo a que tomen parte nalgunha destas disciplinas, que seguramente por estatística ten que haber algunha de lles guste”.
A presentación das escolas deportivas tivo lugar esta tarde no salón de plenos do Concello con asistencia do técnico municipal de Deportes, Iván López, e de representantes dos clubs que imparten estas disciplinas.