Cervo, 1 de setembro de 2016. O Concello de Cervo cualifica de “altamente positivos” os datos da campaña turística deste verán no municipio, con eventos como A Maruxaina ou a Queimada Popular, durante os cales ocupación hostaleira roldou o cen por cen.
A concelleira Manuela Méndez asegurou este xoves que “a Delegación de Turismo do Concello de Cervo, despois de analizar os diferentes datos da campaña turística do verán do 2016, ten que salientar que á vista dos mesmos os resultados son altamente positivos. Entendemos que se produciu un importante incremento do número de visitantes ao noso concello tanto no que se refire a visitas en días concretos como no relativo tamén ao aumento da ocupación hoteleira e á duración media das pernoctas”.
Manuela Méndez salienta que “estes datos podémolos salientar con rotundidade polo número de persoas, preto de 2.000, que visitaron a nosa Oficina Municipal de Turismo, que está na localidade de San Ciprián xunto ao Museo do Mar; e tamén por datos obxectivos e contrastables que nos achegan os distintos hoteis e restaurantes do concello, tanto no pobo de San Ciprián como no ámbito da capitalidade do municipio en Cervo”.
A edil de Turismo destacou tamén que “estes datos son corroborados pola importante cantidade de persoas que se achegou ao noso concello durante a celebración de distintas festas, tanto patronais como eventos declarados de interese turístico, como son A Maruxaina ou a Queimada Popular, que conseguiron colocar o cartel de cheo nos establecementos de ambas localidades consultados”.
Manuela Méndez manifestou ademais que “tamén compre salientar a grande participación de público nas distintas actividades promovidas dende diferentes delegacións do Concello de Cervo, xa que en todas elas houbo cheo absoluto. Igualmente existen moitos datos que reflicten os bos resultados da presente campaña turística, como por exemplo os cheos nas nosas emblemáticas praias na localidade de San Ciprián, as visitas á fábrica de Sargadelos ou ao propio conxunto histórico artístico. Non soamente estamos falando de praia e sol senón tamén de natureza, historia, etcétera. Como reflexión final cabe dicir que cada vez é maior o número de turistas que se achega ao noso concello na procura de distintas alternativas. Ademais do consabido sol e praia está a ter unha alza o turismo de natureza, de relax, o ocio, a práctica deportiva, o sendeirismo ou a tranquilidade que ofrece Cervo para a familia, de todos aqueles que teñen nenos e maiores ao seu cargo e que atopan no noso concello unha resposta á medida das súas necesidades”.