Ribadeo, 31 de agosto de 2016. Deu comezo na mañá do mércores o V Fórum de Innovación e Formación, que organiza a Asociación de Profesores de Automoción de Galicia. Na cita están a participar 65 persoas, procedentes das catro provincias galegas, de Asturias, de Zamora e de Salamanca.
O presidente de Apaga, Álvaro Doural, sinalou que “o programa se está a desenvolver segundo o previsto. Polas mañás teñen lugar os relatorios e polas tardes os obradoiros. Hoxe serán de soldadura, climatización, aerografía, reparación de plásticos, aplicación de adhesivos, descarbonizadoras e xestión de baterías”.
Máis dunha vintena de empresas do sector da automoción participan no evento, ao que acoden 31 poñentes, que falan sobre os últimos avances aplicados á tecnoloxía do automóbil. Nesta primeira xornada pasaron polo hotel O Cabazo, de Ribadeo, firmas como Robert Bosch España ou Scania Hispania. Mañá, xoves, será tempo para escoitar a representantes de empresas como Varta-Daisa ou MAN Truck & Bus Iberia.
O V Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que se celebra nas instalacións do hotel O Cabazo, rematará o venres a mediodía.