O BNG do Valadouro congratúlase e desexa amosar a súa satisfacción pola aprobación, o pasado 11 de agosto, dunha das súas iniciativas estrela no programa electoral de 2015.
A devandita iniciativa supuxo, ao mesmo tempo, unha das condicións primordiais para chegar a un acordo de goberno no comezo do presente mandato municipal.
Grazas a esta iniciativa do BNG local, os nenos nacidos no Valadouro desde o 1 de xaneiro de 2016, gozarán dunha axuda de 600 euros.
Con esta medida, o BNG pretende frear o despoboamento que afecta ao municipio desde hai décadas e asentar poboación (nomeadamente aqueles cidadáns en idade de ter e criar fillos). Busca do mesmo xeito, contribuír a converter O Valadouro nun concello atractivo no ámbito do interior mariñao, logrando servizos e vantaxes para quen contemple a posibilidade de establecerse e formar un núcleo familiar.
A axuda á natalidade conta cunha serie de condicións e cláusulas para velar polo bo uso e destino da achega económica, entre outros puntos figuran:
-Un dos cónxuxes debe levar, polo menos, 6 meses empadroado no municipio.
-Familias en que o nivel de ingresos non supere a contía do SMI, etc.
-O 60% da axuda entregarase ás familias no primeiro ano, e o 40% restante en meses sucesivos.
O feito de que a iniciativa fose aprobada por unanimidade demostra que todos os grupos consideraron óptima unha medida que xa debería terse adoptado hai anos para evitar que O Valadouro chegase ao nivel de alarma demográfica no que se encontra.
Desde o BNG local, observamos ao mesmo tempo, a boa acollida que está a ter a iniciativa recén aprobada polas felicitacións que recibimos pola rúa, ou pola cantidade de mensaxes que están a chegarnos a través do correo electrónico e o Facebook da Asemblea Local, nomeadamente por parte da xente nova e mesmo de avós que se vían obrigados a axudar na crianza dos netos debido ao baixo nivel de ingresos dos seus fillos ou mesmo por situacións de desemprego.
Desde o BNG agardamos que o resto de grupos da corporación continúen a apoiar iniciativas tan necesarias, para deste xeito, poder ir materializando todas aquelas medidas que figuraban no programa electoral co que nos presentamos ante a veciñanza o pasado ano.