O rexedor municipal cervense, Alfonso Villares, declarou que “onte tivo lugar unha sesión extraordinaria do pleno da corporación do Concello de Cervo e entre os asuntos na orde do día estaba o sorteo dos membros que van formar parte das mesas electorais para estas próximas eleccións ao Parlamento de Galicia do 25 de setembro. O punto segundo trataba da aprobación da Conta Xeral do Concello de Cervo cos seus estados e anexos correspondentes ao exercicio 2015. Recordamos que todas as magnitudes están en positivo, cun remanente de tesourería para gastos xerais positivo en 1.970.000 euros; un resultado orzamentaria axustado tamén positivo, en 945.000 euros; a estabilidade orzamentaria positiva tamén, en 751.000 euros e ademais cúmprese a regra de gasto. O que nos din estas magnitudes é que as contas e a economía do Concello de Cervo vai por bo camiño. Aprobamos as contas, que era requisito levalas a esta sesión plenaria, pois tiñan que ser aprobadas antes do 1 de outubro. Polo tanto estamos a facer o noso traballo con tempo, como entendemos que temos que facelo”.
Alfonso Villares engadiu que “como punto terceiro deste pleno tivemos a excepción dos límites do gasto plurianual relativo á mellora do viario municipal rúa Galdín, en San Ciprián. Estamos a falar dunhas obras que van ser moi importantes para o noso concello e en concreto para San Ciprián. Trátase deste viario que vai desde Galdín ata o centro de saúde de San Ciprián, que nos vai permitir ter unha vía de entrada máis para San Ciprián e pode ser unha alternativa á entrada do tráfico pesado que continuamente nos vai ao polígono industrial de Cuíña; non é a entrada principal do polígono pero si unha alternativa que nos vai vir moi ben. É unha axuda que nos dá a Xunta de Galicia dun total de 660.000 euros”.
O alcalde rematou comentando que “como punto cuarto do pleno houbo unha transferencia de crédito, en concreto entre diferentes áreas de gasto, por un total de 100.000 euros; demos de baixa unhas partidas para dar de alta outras. Son modificacións que tiñan que vir ao pleno e supoñen unha modificación con respecto ao presuposto que no seu momento aprobamos. É a primeira transferencia que ven a un pleno e supón un 1´5 por cento de modificación con respecto ao que aprobamos nun primeiro momento. Podemos dicir que o presuposto que aprobamos en decembro do ano pasado foi moi rigoroso porque unicamente tivemos que facer esta transferencia de crédito. Tamén dimos conta neste pleno dunhas liñas fundamentais do orzamento para o exercicio 2017, un requisito ao que o Ministerio de Hacienda nos obrigaba”.